Demandamos que se elabore o inventario de camiños de Ribeira

Dominga Brión e Anxeles Cruxeiras demandando o inventario de camiños

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno Municipal que proceda á elaboración do inventario de camiños do noso municipio.

A Lei 33/2003 de 3 de novembro de Patrimonio das Administracións públicas establece no seu artigo 36.1 que “as administración públicas deben inscribir nos correspondentes rexistros, os bens e dereitos do seu patrimonio xa sexan demaniais ou patrimoniais…”.

Asemade, o artigo 28 da mencionada Lei, establece que “as administracións públicas están obrigadas a protexer e defender o seu patrimonio. A tal fin protexerán axeitadamente os bens e dereitos que o integran, procurarán a súa inscrición rexistral e exercerán as potestades administrativas e accións xudiciais que sexan procedentes para elo”.

A reiterada lei daba un prazo de cinco anos, que xa venceu en novembro do 2008, para proceder a inventariar e inscribir no Rexistro ditos bens inmobles.

Unha parte moi importante deste patrimonio municipal son os antigos camiños de dominio público e uso público que, historicamente, uniron á poboación coas localidades próximas. Polo tanto, o grupo municipal do BNG entende que eses camiños deben constar expresamente no inventario municipal de bens inmobles.

A lei de Bases de Réxime Local regula os camiños de entidades locais e establece que os municipios exercerán competencias sobre a conservación e vías públicas da súa propiedade e competencia.

Para o grupo municipal do BNG e urxente dispor deste inventario de camiños públicos, por onde os cidadáns saiban por onde transitar sen que ninguén lles chame a atención ou se lle impida por estar invadindo propiedades privadas, cousa que xa aconteceu en máis de unha ocasión a persoas que veñen a facer turismo pola cidade e incluso aos propios habitantes. Na actualidade e cando se está a proceder á adaptación do PXOM sería primordial contar con este instrumento para obstaculizar o menos posible as labores do planeamento.

Iniciativa municipal:
2010-03-13-inventario-de-caminos.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *