Reclamámolle ao goberno a mellor depuración na mellor localización

O BNG demándalle ao goberno municipal do PP, con competencias en saneamento, que o necesario e urxente tratamento das augas residuais se faga con todas as garantías e que respecte, e faga respectar diante do goberno do PP da Xunta, o acordo de mínimos unanimemente acadado por todos os Grupos Municipais no Pleno do 30 de xullo de 2007, a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG.

Unha vez máis tivemos coñecemento pola prensa de que Augas de Galicia, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dirixida polo popular e polémico Agustín Hernández, ten novas alternativas para a localización da estación ou estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Ribeira.

A anterior ocasión foi en maio do 2009 cando soubemos do mesmo xeito que o alcalde e a responsábel de Augas de Galicia acordaran un emprazamento para a EDAR de Ribeira. Sen embargo, máis dun ano despois de que o PP chegara ao goberno da Xunta, seguimos sen ter unha solución acaída á falla de saneamento integral de Ribeira, cunha Consellaría xerando polémica coas propostas que presenta e cun goberno local que permanece ausente, incapacitado para gobernar.

As alternativas da Xunta

A Xunta presenta as seguintes alternativas, supoñemos que consensuadas co goberno municipal do PP, pois non se entendería que consensuara a localización da EDAR coas confrarías e non con quen ten competencias en saneamento, que é o goberno municipal, neste caso, ademais, da mesma cor política:

Unha única planta depuradora para 42.000 habitantes equivalentes con posíbeis localizacións no Touro, Punta Castro en Castiñeiras ou en Couso.

Dúas plantas depuradoras nas seguintes localizacións: Touro (32.000 habitantes equivalentes) e Couso (10.000 habitantes equivalentes), Touro (32.000 H.E.) e Punta Castro (10.000 H.E) ou Touro (32.000 H.E.) e Transporto en Aguiño (10.000 H.E.).

No anterior proxecto de EDAR para Ribeira, pensada para 80.000 habitantes equivalentes, pretendíase depurar conxuntamente os residuos urbanos e os industriais do Polígono de Xarás. Isto significaría, na práctica, que a depuradora non funcionaría, co cal estaríamos colocando na boca da ría unha autentica bomba de reloxería.

No actual documento as alternativas presentadas son para un total de 42.000 habitantes equivalentes e non se fai referencia ao tratamento que se lle vai a dar aos residuos máis contaminantes, como son os do Polígono Industrial de Xarás: non aparece recollido se se lle pretende esixir ás empresas que depuren os seus residuos, se se vai a facer unha depuradora para o polígono ou se, simplemente, se van a depurar conxuntamente nunha depuradora máis pequena, coa problemática que iso suporía.

Ademais, ningunha das alternativas presentadas foi sometida aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade. Non podemos esquecer que as localizacións que se presentan están a carón dunha das rías máis produtivas do mundo, a Ría da Arousa, do Parque Nacional da Illas Atlánticas, do Parque Natural, da Rede Natura e dunha área costeira de grande riqueza pesqueira e marisqueira. Estamos falando dun espazo dos máis singulares de Europa e que conta cun alto grao de protección, polo tanto, todas as medidas que se adopten para non poñer en perigo toda esta riqueza son poucas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *