Demandamos melloras na biblioteca municipal

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita unha serie de melloras na biblioteca municipal, tales como: a eliminación do depósito de 3 euros no préstamo a domicilio, dotación orzamentaria para o incremento e actualización de fondos, así como, para a dotación de mobiliario.

Tamén demanda que se organicen regularmente actividades culturais de animación, fomento da lectura e promoción do uso das instalacións, así como, a elaboración dun Regulamento de funcionamento da Biblioteca acaído.

A Biblioteca Municipal é un servizo público e de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

A Biblioteca do concello de Ribeira é unha institución que ten como finalidade facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto deben ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura. En este sentido son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente non só a lectura e a escritura senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.

O principio de democratización da cultura anúlase ó ter que depositar 3 euros para realizar o préstamo á domicilio dun libro (nos tempos de crise que vivimos supón un desembolso importante e innecesario para moitas familias).

Os fondos da Biblioteca aproxímanse ós 15.000 títulos, cifra pequena para unha biblioteca dun concello como o noso, e agravado pola temporalidade dos mesmos: as distintas seccións non están suficientemente actualizadas procedendo o groso do depósito dos anos 70 e 80.

A sala de lectura debería mellorar na súa distribución de espazos e na adecuación de mobiliario sobre todo na sección infantil, con estantes adecuados e que lle permitan o acceso ás nenas e nenos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *