Pedimos máis seguridade para os/as motociclistas na autovía da Barbanza

Ana Pontón con representantes do BNG da Barbanza

O BNG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego sobre a necesidade de colocar sistemas de contención para a protección dos e das motoristas que transitan pola autovía do Barbanza.

Nesta iniciativa explicase que xa durante a pasada lexislatura a seguranza das e dos motociclistas nesta autovía xerou un importante debate polas dúbidas expresadas polas asociacións de motoristas sobre a colocación destes sistemas xa que consideraban que deberían ser colocados en toda a autovía.

Para Ana Pontón, deputada do BNG, “o Partido popular criticou con dureza ao Goberno bipartito afirmando que, os sistemas de dobre bionda instalados non eran suficientes” e asumindo o compromiso de instalar estes sistemas en todo o trazado desta infraestrutura, o que –a xuízo da deputada nacionalista- “foi máis unha promesa electoral que un compromiso que vaia asumir o novo goberno”.

O BNG considera que a seguranza viaria é un asunto de especial transcendencia como para xerar falsas expectativas ante os datos dos accidentes producidos por colisión contra gardarraís. De aí, a necesidade de coñecer as previsións do Goberno galego sobre o cumprimento das esixencias de seguranza para os/as motoristas e as medidas que farán efectivo o compromiso de instalar sistemas de contención adaptados para este numeroso colectivo na devandita autovía.

Na iniciativa nacionalista salientase que os datos reflicten que un 15% dos/as accidentados/as no último ano, foron vítimas de colisións contra gardarraís véndose involucrados nun 20% dos accidentes con vítimas e o 12,2% de falecementos en vías urbanas e interurbanas no conxunto do estado.

Ante esta situación, o BNG quer saber a valoración da Xunta de Galiza sobre o grao de seguranza para o colectivo de motoristas que circulan pola autovía do Barbanza, se considera necesario instalar a dobre bionda en todo o seu percorrido e de ser así, cando iniciará a súa instalación.

Iniciativa parlamentar:
2010-01-21-dobre-vionda-autovia.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *