O BNG interésase no Parlamento polo Centro de Saúde Mental da Barbanza

O BNG presentou unha iniciativa parlamentaria denunciando a paralización da construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza

Tamén presentarán iniciativas municipais nos catro concellos da Barbanza reclamando a inmediata construción deste Centro que integraría a Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD). En Ribeira esta iniciativa xa foi debatida, votando o PP en contra desta importante demanda

Na anterior lexislatura, e como actuación incluída no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011, contemplábase a construción dun centro de saúde mental para a comarca da Barbanza. Neste documento aparecían reflectidas as carencias da Barbanza nesta área sanitaria, sendo o único hospital de Galicia que non conta cunha unidade de saúde mental.

A obra, que foi licitada polo anterior goberno da Xunta nunha resolución con data 2 de marzo de 2009, foi adxudicada de maneira definitiva polo actual goberno do PP na Xunta en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, tendo como prazo de execución 13,5 meses.

Polo tanto, estas obras que aínda non se iniciaron, deberían estar en fase avanzada de construción e rematadas no mes de maio de 2010. Sendo ademais este mesmo goberno quen fixo a adxudicación desta obra, hai que preguntarse entón: adxudicou o goberno do PP na Xunta unha obra sen dispor do terreo para facela? Ou acaso se está utilizado como cortina de fume unha suposta problemática co terreo, que ninguén lle solicitou á Comunidade de Montes de Oleiros, para paralizar unha obra que non hai interese en realizar?

En calquera caso, hai que lembrar que o PP leva preto dun ano gobernando na Xunta de Galiza e a estas alturas xa non valen escusas. Máxime sendo o único hospital de Galiza que non dispón de unidade de saúde mental. Nin o BNG nin a cidadanía da Barbanza vai a consentir máis agravios comparativos en materia de servizos públicos en xeral e saúde pública en particular.

Iniciativa Parlamentar:
2010-01-15-unidade-saude-mental-barbanza.pdf

Adxudicación definitiva polo goberno do PP na Xunta:
2010-08-04adxudicacion-centro-saude-mental-barbanza.pdf

Máis información e iniciativa municipal:
O PP cancelou a construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide á Xunta que axilice o Centro de Saúde Mental

Nova na Voz:
O BNG acusa á Xunta de «paralizar a adxudicación» do centro de saúde mental ribeirense

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *