Reclamámolle ao goberno do PP que garanta a recepción con calidade da TDT

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao Goberno do PP que contrate, por procedemento de urxencia, a unha empresa competente do sector das telecomunicacións para a realización dun estudo da cobertura de Televisión Dixital Terrestre no concello de Ribeira e que proceda, ca máxima urxencia, á instalación dos equipamentos necesarios para garantir a súa recepción con calidade en todo o termo municipal de Ribeira

Desde que o R.D. 944/2005 do Ministerio de Industria pon en marcha o Plan Técnico para a Televisión Dixital Terrestre, o BNG ten reclamado ao Concello de Ribeira en numerosas ocasións a toma de medidas que permitisen a adaptación do noso concello ao novo sistema de Tv e rematasen, ao mesmo tempo, coa máis que deficiente recepción do sinal que sofren moitos veciños e veciñas de numerosos lugares do concello entre os que se encontran as parroquias de Oleiros, Olveira, Artes e outros no propio centro urbano de Ribeira.

Pese a que o Propio R.D. 944/2005 confire parte de responsabilidade aos concello no desenvolvemento do Plan Técnico, e que a Xunta de Galicia ofrece desde o ano 2006 axudas a fondo perdido aos concellos para a realización de estudos técnicos e para a adquisición de equipamentos para a implantación de cobertura de TDT nos seus ámbitos xeográficos, o Goberno Municipal de Ribeira tense negado teimuda e reiteradamente a solicitalas tal e como desde o BNG lle temos demandado. Outros concellos veciños, como Boiro, Muros ou Rianxo, si o teñen feito.

A aplicación dos prazos previstos para a implantación da TDT está levando estes días ao apagado ou desconexión das emisións analóxicas de moitas canles de TV que, aínda que con deficiencias, chegaban aos lugares antes indicados. A consecuencia é que moitos fogares ribeirenses contemplan como desaparece parte da súa escasa e deficiente oferta televisiva véndose obrigados a solicitar servizos técnicos que tampouco lle poden ofrecer solución.

A pouco máis dun mes para o apagón total resulta previsible que moitos fogares do noso concello ficarán definitivamente sen sinal de Tv o que, por tratarse dun “servizo público esencial”, constituiría para eles unha grave discriminación da que o Goberno Municipal sería responsable.

Iniciativa municipal:
2010-02-03sinaltdt.pdf

Nova na Voz:
O BNG de Ribeira insta ao goberno a encargar un estudo sobre a cobertura da TDT

Nova no Diario de Arousa:
o-bng-responsabiliza-ao-concello-da-mala-cobertura-de-tdt.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *