O goberno do PP deteriora o servizo de seguridade da cidadanía

O BNG reclama a mellora do servizo de seguridade da cidadanía, incrementando a dotación de máis efectivos da policía local

Como vimos denunciando, coa aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que nos vai a custar 1 millón de € máis a todas e todos os ribeirenses, o goberno do PP deteriora o servizo de seguridade da cidadanía. Iso é así por dúas razóns:

1ª.-Non se recolle a dipoñibilidade horaria que viñan prestando os axentes de 12 días ao ano. A eliminación desta dispoñibilidade, sen ningunha outra alternativa, vai a dificultar cubrir baixas e servizos especiais, mermando incluso o propio servizo que se presta día a día, especialmente pola noite.

2ª.-Na propia Relación de Postos de Traballo so se contempla a dotación de 32 membros, lonxe dos 50 que recomenda a normativa vixente para un concello de 28.000 habitantes, tendo en conta, ademais, que Ribeira é unha cidade de servizos con unha poboación flotante diaria moi superior. Aumentando de maneira considerábel na tempada estival.

Atopámonos agora con un grave problema, pois a día de hoxe tan só contamos con 21 axentes cubrindo un servizo para o que deberíamos contar con máis de 50. Lembremos que este é un servizo que se presta 24 horas ao día, todos os días do ano, con unha complexidade funcional moi variada: dende o control da movida nocturna, ate conflitos veciñais, concentracións, manifestacións, accidentes, etc.

Neste momento a única maneira de cubrir baixas e servizos especiais é con horas extra, que o goberno do PP non está autorizando, agás en fin de semana, que autoriza unha patrulla a maiores da que hai, claramente insuficiente, ao noso entender.

Lamentabelmente, os roubos a particulares e negocios están aí. Polo tanto a grandes males, grandes remedios. O goberno do PP ten que facer un esforzo para dotar de máis persoal a este corpo.

Con esta demanda non queremos crear alarma social, máis ben todo o contrario, reclamamos unha solución para un problema real que está preocupando seriamente á cidadanía.

Sabemos que os axentes están estudando un cambio no horario das quendas. Pero o goberno, amosando unha gran irresponsabilidade, non está facendo nada para achegarse á dotación de máis axentes que se recolle na Relación de Postos de Traballo, recen aprobada polo Partido Popular en solitario.

Policía Nacional

Somos conscientes de que a seguridade da cidadanía non depende só da policía Local. Pero o goberno do PP tampouco están facendo nada para reclamar a dotación de máis efectivos da Policía Nacional, nin como goberno nin na condición de Senador do propio Alcalde.

Preocúpanos que o goberno local cargue toda a responsabilidade dun adecuado funcionamento do servizo na Policía Local tan só cambiando o horario das quendas. Agardamos, pois, que tomen debida nota das nosas propostas e doten ao servizo de máis policías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *