O PP cancelou a construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza

O BNG presentou, no Pleno do pasado luns 25 de xaneiro, unha Moción co obxectivo de instar á Xunta a inmediata construción do Centro de Saúde mental da Barbanza que integraría a Unidade de Atención á Drogodependencias de Ribeira (UAD)
O PP evidenciou a súa falla de interese pola posta en marcha deste importante servizo, posicionándose en contra da demanda, pese a saber que foi cancelada a contrución deste Centro, o que supón un feito gravísimo no eido da atención socio-sanitaria da Barbanza

A obra que foi licitada polo anterior goberno da Xunta nunha resolución con data 2 de marzo de 2009, foi adxudicada de maneira definitiva en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, tendo como prazo de execución 13,5 meses. Polo tanto, debería estar en fase avanzada de construción e rematada no mes de maio de 2010.

Sen embargo a estas alturas aínda non empezaron as obras. Ao interesarnos pola razón do retraso comprobamos que a Xunta do PP non ten intención de construír este Centro. O goberno do PP de Ribeira alega agora que se as obras non se iniciaron é porque os terreos onde debería ser construído dito centro son da Comunidade de montes de Oleiros. Cabe lembrar a este respecto que o Alcalde manifestou publicamente en sesión plenaria en varias ocasións que “hai terreos”. Aínda así, no pleno do luns, a Sra. Crujeiras tivo a desfachatez de botarlle a culpa á directiva da comunidade xa “que non o levaron á asemblea”.

Consultada a directiva da comunidade de montes, foi contundente ao respecto: a día de hoxe o goberno do PP non solicitou á esta comunidade a cesión dos devanditos terreos. A principios de verán do 2009 uns obreiros realizaron unhas catas para iniciar a construción. A directiva dos comuneiros ao comprobar que estaban fora do deslinde da cesión dos terreos puxéronse en contacto coa Consellaría de Sanidade, enviándolle un escrito adxuntando o plano da delimitación da cesión. A mediados de agosto o presidente dos Comuneiros acude a unha reunión no Hospital da Barbanza (a que asistiron dous membros da Consellaría de Sanidade, o director do Hospital, a portavoz do PP de Ribeira, Herminia Pouso) na que este advirte de que non existe ningún tipo de solicitude formal de cesión dos devanditos terreos. O goberno do PP comprométese a iniciar canto antes os trámites desta cesión. Cinco meses despois segue sen formularse petición algunha. Dende o noso punto de vista, con este tipo de actuacións, o goberno do PP amosa, unha vez máis, a deixadez e o desgoberno deste concello.

Situación da UAD
Ao BNG preocúpalle especialmente a situación da UAD e do seu persoal. O edificio que alberga actualmente a UAD debería ser reformado polo que o traslado da mesma beneficiaría tanto ao propio servizo da unidade (que merecen unhas instalacións acordes coa excelente labor que realizan), como á cidadanía, xa que se podería remodelar dito edificio para outros usos (educativos, sociais, etc…).

Con respecto aos traballadores e traballadoras desta unidade estes non foron incluídos na relación de Postos de Traballo, aprobada recentemente polo goberno do PP, e a pesar de realizar alegacións para ser incluídos/as, todas elas foron desestimadas.

Preguntámonos, pois: que vai a suceder coa UAD e cos seus traballadores/as? Van a ser integrados no SERGAS? Estas mesmas preguntas que o propio goberno municipal xa se facía en novembro de 2008 (cando se presentou unha moción nos mesmos termos que a presente), non foron quen de responderllas ao BNG o pasado luns.

Cancelar esta obra supón un feito gravísimo no eido da atención socio-sanitaria da nosa comarca.

Iniciativa municipal:
2010-01-15mocion_centro_saude_mental_barbanza.pdf

Unha reflexión sobre “
O PP cancelou a construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza

  1. eu

    isto pasa cando uns políticos levan moitos anos dentro, xa vedes chegan a estar tan seguros de que van gañar que claro pasan de todo, isto que contades no voso blog e un exemplo de pasotismo político dentro do concello ribeirense.
    noraboa polo voso traballo a todos os niveis

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *