Demandamos que se mellore a seguridade da cidadanía

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao goberno municipal que busque unha solución consensuada cos membros da policía local para salvagardar a seguridade da cidadanía.

Tamén demanda que se complete o antes posíbel o organigrama previsto na RPT de 32 membros, concedéndolle prioridade absoluta ao proceso de ir achegándose paulatinamente ás recomendación establecidas na normativa vixente.

Os roubos que nos últimos meses afectan a moitos negocios e mesmo particulares de Ribeira está xerando moita inseguridade entre a cidadanía de todo o concello. A escaseza de efectivos na policía local é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendábel.

Así no Decreto 243/2008, de 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG de 30 de outubro de 2008), establece no seu preámbulo como recomendábel o número total de membros de 1,8 por cada 1.000 habitantes, dando na súa disposición transitoria primeira un prazo de adaptación de 7 anos. Relacionando a poboación de preto de 28.000 habitantes que ten Ribeira coa ratio mencionada de 1,8×1.000, danos por defecto un número total de 50 membros co corpo policial, cociente e número de axentes ao que habería que achegarse de xeito progresivo, tendo en conta que Ribeira é unha cidade de servizos e que a poboación flotante diaria é moi superior ao censo poboacional ou padrón municipal. Tendo, ademais, como municipio turístico un aumento notorio de poboación nas épocas estivais.

Coa aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT), polo goberno do PP en solitario, lonxe de mellorar os servizos os públicos, algúns deles, como é o que ven prestando a policía, sufriu un importante deterioro fundamentalmente por dúas razóns. Primeira, porque non se recolle a dispoñibilidade horaria que viñan prestando os axentes, co cal non só vai a resultar difícil cubrir baixas ou servizos especiais, senón que mesmo o servizo que se presta día a día, especialmente pola noite, vai a verse mermado, algo xa denunciado en Pleno polo BNG. Segunda: porque na RPT contémplase un organigrama total (a futuro) de 32 membros, moi lonxe das recomendacións establecidas na normativa vixente. Hai que destacar que na actualidade a Policía Local só conta con 26 efectivos, dos que 4 están na academia e 1 impartindo clases de educación vial, polo tanto, 21 na práctica.

Todo isto demostra, unha vez máis, que na elaboración dun documento tan importante coma a RPT non se tivo en conta nin servizos tan importantes para a cidadanía, como son os que atinxen á súa propia seguridade, nin foi debidamente consensuado cos traballadores e traballadoras afectados, como demostra o importante número de alegacións que se presentaron á mesma (preto de 70).

Iniciativa municipal:
2010-01-14_servizo_seguridade_cidadania.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *