Sonora “pitada” na Barbanza pola lingua

Algúnhas das mozas e mozos participantes con Dominga Brión

Este sábado 2 de xaneiro a Plataforma Queremos Galego da Barbanza desenvolveu unha caravana na que participaron un cento de coches tocando o claxon por toda a comarca para manifestar o desacordo coa proposta de Decreto sobre o uso do Galego no ensino.

Un centenar de automóbiles fixeron soar as súas bucinas polas rúas de Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira, portando bandeirolas identificativas da Plataforma Queremos Galego. O nutrido grupo barbanzán quixo, con esta medida, poñer en evidencia ante a cidadanía que a proposta de decreto sobre o galego na escola vai en contra da lingua galega.

Esta proposta de lexislación é claramente lesiva para a lingua propia de Galiza xa que reduce o uso do noso idioma a un 33% do currículo escolar obrigatorio, algo claramente insuficiente se temos en conta os datos oficiais dos estudios de uso do galego.

A caravana rematou en Ribeira onde Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, puxo en evidencia a “covardía do goberno que preside Núñez Feijoo, ao facer pública esta norma fundamental o día de fin de ano”.

Os voceiros de Queremos Galego na Barbanza, o escritor Carlos Mosteiro e a intérprete musical Sonia Lebedinsky, leron un manifesto animando á cidadanía a manifestar o seu desacordo con esta medida.

Entre as personalidades que participaron nesta actividade estaban: Xosé Deira, alcalde de Boiro; Rosana Pérez, deputada provincial; Dominga Brión e Adelina Ces, portavoces do BNG en Ribeira e Rianxo, entre outros. Destacar tamén, que foi moi numeroso o grupo de mozos e mozas que se sumaron á causa de defender o galego e que ao grito de “Supermán tamén fala galego” puxeron de manifesto que queren vivir na súa lingua.

Nova na Voz:
Un cento de coches participaron na caravana a prol dá lingua convocada pola Plataforma Queremos Galego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *