Alegacións á modificación do Plano Galego de Acuicultura

Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo

O Partido Popular incumpre a súa promesa de retirar a piscifactoría do Corgo do Plano Galego de Acuícultura. O BNG oponse á construción deste parque, razón pola cal ven de presentar alegacións para que o Parque Punta Laxe Brava sexa retirado do Plano

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou alegacións á Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura presentada pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza (Revisión do Plano Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria, (DOG nº 215, do 3 de Novembro), no que se refire aos aspectos que afectan directamente ao Concello de Ribeira máis concretamente ao Parque nº 9 denominado Punta Laxe Brava en Corrubedo.

O BNG de Ribeira oponse á construción do Parque Acuícola na Punta da Laxe Brava, coñecida como O Corgo, en Teira, parroquia de Corrubedo. Dito emprazamento está previsto co nome de parque número 9 no Plan de acuicultura de Galicia e non aparece retirado do mesmo na Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura que ven de presentar a Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Para o BNG é primordial conservar intacto como está o litoral da antedita parroquia, pois é o único virxe do Concello de Ribeira. A franxa litoral do Corgo está incluída na rede Natura 2000 e o plan da Xunta prevé que a futura planta acuícola linde coa zona e realice vertidos no mar, co perigo que isto suporá para os cantís de percebe, os baixos explotados pola pesca artesanal e os areais de Corrubedo (Balieiros e As Barreiras) e Espiñeirido.

Ademais, a desproporcionada reserva de terreo prevista pola Xunta (308.000 metros cadrados) é inadmisíbel, pois obriga á “expropiación forzosa, se así fora necesario” (tal como se recolle na modificación do Plano), de numerosas leiras que aínda se cultivan e se empregan para levar ao pouco gando que queda na zona, feito que se debería primar e non castigar.

Asemade, o BNG de Ribeira considera que os orzamentos e inversións públicas neste tipo de macroconstrucións novas, para nada se corresponden cos beneficios que reverten nos veciños e veciñas e moito menos cos empregos que sempre din prometer pero que despois non se cumpren. Pola contra, é o desenvolvemento sustentábel orientado aos valores naturais dos que dispón a parroquia de Corrubedo o camiño que se debe seguir, e non a industrialización indiscriminada das costas de sempre coidadas e mantidas inmaculadas polos veciños e veciñas.

Alegacións ao Plano Acuícola:
2009-12-03-alegacions_plano_acuicola.pdf

Modificación putual Plano Galego Acuicultura:
proposta_modificacion_puntual_plano_galego_acuicultura.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG esixe a retirada do parque de Laxe Brava do Plan Acuícola

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *