O Pleno demanda que o centro de decisión das caixas se manteña en Galiza

A Corporación Municipal de Ribeira deulle o seu apoio a unha moción do BNG pola que solicitamos que se inste á Xunta de Galiza a asegurar, en uso das súas competencias, que o centro de decisión das caixas de aforro galegas se manteña, en todo caso, en Galiza.

Na mesma iniciativa, aprobada por unanimidade polo Pleno de Ribeira, tamén reclamamos que se inste ao Parlamento de Galiza a que aprobe unha lei reguladora das caixas de aforro galegas que asegure o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía produtiva e a criazón de emprego en Galiza, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do noso país.

O estoupido da crise financeira está a provocar un amplo debate sobre o modelo de caixas de aforro en Galiza, ao que non poden ser alleas as entidades locais. Alén do seu carácter de entidades financeiras, as caixas (pola súa natureza fundacional) teñen unha vocación social e unha vinculación co territorio no que se asentan e constitúen o principal instrumento financiador da economía galega.

A situación actual de recesión económica e de dificuldades financeiras fai necesaria a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país. Cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego.

Por outra banda, a precipitación de acontecementos e novas sobre a reestruturación das entidades de crédito, logo da constitución do Fondo Ordenado de Reestruturación Bancaria (FROB), obriga a ter unha posición común en defensa da galeguidade das caixas de aforro de Galiza, a salvagardar as competencias exclusivas que sobre as caixas de aforro se recoñecen no Estatuto de Autonomía, e a adoptar decisións sen demora que garantan a solvencia das caixas galegas e a recuperación do seu papel de canalización do aforro galego cara os sectores vitais da nosa economía produtiva.

A consecución deses obxectivos obriga necesariamente a que as caixas de aforro galegas manteñan os seus centros de decisión en Galiza, mais tamén a abordar unha reforma legal pola que se reforce a función de protectorado e control público das caixas de aforro, dada a súa natureza e función social, para conectalas coa estratexia económica máis acaida aos intereses económicos xerais do país; así como se mellore a transparencia no seu funcionamento, afondando nunha maior democratización dos seus órganos directivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *