O BNG contra a violencia de xénero

Acto do BNG contra a violencia de xénero

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que se solicita que se inste á Xunta de Galiza a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento; en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na lei.

Tamén demanda que se dea traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza.

A violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara da desigualdade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.

Nos últimos anos téñense dado pasos relevantes a nivel legal, superando unha visión que reducía o problema ao ámbito privado e asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira orde e que na súa erradicación deben implicarse o conxunto de poderes públicos e a sociedade.

A nivel galego, na pasada lexislatura, deuse un paso importante coa aprobación dunha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Unha lei que, por primeira vez, considera a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, recoñece dereitos para as mulleres que vivan unha situación de violencia no ámbito económico e social e articula toda unha serie de obrigas para as administracións públicas tanto no ámbito preventivo, como no formativo e na asistencia ás vítimas. Mais hai outro cambio relevante que introduce esta norma, a apertura dos recursos sociais a todas as mulleres con independencia de que conten cunha orde de protección ou non. Unha medida necesaria que vai na dirección de incrementar os resortes institucionais de apoio as mulleres. A aprobación desta lei supuxo paralelamente o incremento dos recursos destinados na Galiza a loita contra a violencia de xénero.

A Secretaría Xeral de Igualdade, cumprindo cun mandato estabelecido na lei, informou ao Parlamento Galego do grao de desenvolvemento das previsións contidas neste texto legal, así como daqueles aspectos que restaban poñer en marcha para completar o desenvolvemento da mesma, non obstante, o novo goberno da Xunta, non parece ter interese en por en funcionamento eses instrumentos lexislativos, considerando prescindíbeis e superfluas as accións tendentes á erradicación da violencia de xénero.

A Lei prevé a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, un órgano institucional da Xunta de Galiza que ten por obxecto encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero. Unha medida importante a fin de contar con organismos e persoal especializado que permita facer unha análise sostida no tempo sobre a efectividade das medidas tomadas neste terreo e, consecuentemente, mellorar a eficacia das políticas e recursos que se dedican a esta finalidade. No informe elaborado a finais de 2008 pola Secretaría Xeral de Igualdade sobre o desenvolvemento da Lei 11/2007, consta a existencia dun borrador de decreto no que se estaba traballando a fin de poder cumprir con este mandato legal.

Estes e outros aspectos do texto legal quedan aínda por desenvolver, así como outras medidas que é necesario que se continúen impulsando para que teñan eficacia, como son as relacionadas coa sensibilización social ou a formación de todas e todos os profesionais en ámbitos relacionados, directa ou indirectamente, contra a violencia de xénero. Un silencio que nos preocupa, pois a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais vixentes nesta materia.

Iniciativa Municipal:
2009-11-25solicitude_25_novembro.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *