Demandamos a mellora do transporte público e escolar

O BNG de Ribeira solicítalle ao Goberno do PP que se dirixira á Xunta de Galicia solicitando a implantación de Modalidade A de contrato coas empresas que realizan o Servizo de Transporte nos IES de Ribeira

Tamén lle demanda que habilite unha partida orzamentaria para subvencionar o billete en transporte público a alumnado de ensinanzas non obrigatorias así como a xubilados e pensionistas residentes no Concello

Todos compartimos a importancia do transporte público e a mellora da mobilidade na calidade de vida da poboación en xeral. Neste ámbito, os colectivos de estudantes de ensino non obrigatorio así como os colectivos de maiores (e as súas familias) son dos que máis sofren as deficiencias actuais do transporte público no noso concello.

Ribeira é un dos poucos Concellos de Galiza nos que o servizo público de Transporte Escolar no Ensino Secundario se leva a cabo integramente na súa Modalidade C de contratación o que implica que o alumnado é transportado en autobuses que cobren servizo Regular de viaxeiros, non especificamente escolar.

A modalidade de contratación C, supoñendo un lixeiro menor custe para a Administración, supón para o alumnado en xeral do Concello de Ribeira e as súas familias un claro prexuízo e, comparando con outros moitos concellos do noso país, unha clara e inxusta discriminación.

As características do contrato de transporte na súa modalidade A, vixente na maioría dos concellos de Galiza, conleva a posibilidade de que sexa a Administración (co Centro educativo) quén determinen as rotas a seguir, as paradas, a presenza de acompañante así como o uso gratuíto polo alumnado de ensinanzas non obrigatorias (Bacharelato, Ciclos Formativos e de PCPI) no caso de haber prazas libres. Hai que ter en conta, ademais, a vantaxe que suporía a implantación do Servizo Tes+Bus, de transporte escolar compartido, para a poboación xeral dos lugares polos que transita o Servizo de Transporte escolar.

Sendo, pois, evidentes as vantaxes para os usuarios e usuarias que supón a Modalidade A de transporte escolar, sendo responsabilidade da Administración educativa a prestación do Servizo de Transporte escolar sen discriminacións e en igualdade de condicións a respecto doutros concellos atendidos pola mesma administración, e tendo o concello de Ribeira responsabilidade na planificación e promoción do transporte público no seu ámbito territorial, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que se debaterá no vindeiro Pleno e para a que solicita o apoio da Corporación, co obxectivo de mellorar o transporte público e escolar de Ribeira.

Iniciativa municipal:
2009-10-17mellora_transporte_escolar.pdf

Nova no Correo Gallego:
Piden que el transporte de Secundaria de Ribeira no se realice en la línea regular

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *