O BNG reúnese coas ANPAS de Ribeira

Reunión do BNG coas ANPAS de Ribeira

Carme Adán en Ribeira:
“As ANPAS están chamadas á defensa do ensino público”

Xuntanza na sede do BNG de Ribeira das ANPAS con Dominga Brión e membros locais do BNG

Diante das medidas regresivas que sistematicamente vén aplicando o PP desde a Consellería de Educación, a parlamentaria nacionalista detallou as iniciativas que o BNG leva a cabo dende o Parlamento de Galiza para a mellora do ensino público.

Carme Adán coincidiu coas representantes de Pais e Nais en rexeitar a supresión da gratuidade dos libros de texto, o aumento dos prezos de comedores escolares ou a redución de profesorado sobre todo en Educación Especial (Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica) o que afectará moi negativamente ao alumnado con máis dificultades de aprendizaxe.

A parlamentar nacionalista expresou a preocupación do BNG pola forte baixada, do 17%, no orzamento de Educación para o 2010 que provocará unha diminución da calidade do ensino público. Así, denunciou a redución de fondos para a formación do profesorado ou a rebaixa das cantidades para obras e melloras nos centros. A parlamentar do BNG rexeitou as “razóns” do Partido Popular de “falla de fondos” xa que si os houbo para dar “tres millóns de euros para os colexios privados que separan ao alumnado por sexo”.

As representantes das ANPAS transmitiron á parlamentar do BNG as súas principais reivindicacións nas que destacaron a recollida de sinaturas para a recuperación da gratuidade dos libros de texto, das que xa levan máis de 1000, as demandas de melloras no transporte escolar, a necesidade de axudas e subvencións para o transporte de alumnado de bacharelato e ciclos ou as melloras en centros educativos, todos estes aspectos que consideran moi deficientes no concello de Ribeira.

A parlamentar do BNG comprometeuse a trasladar ao Parlamento Galego as demandas das ANPAS en defensa do ensino público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *