Reclamamos novamente a pavimentación da Rúa da Amarella

Fochancas na Rúa da Amarella

O BNG presentou unha nova iniciativa municipal reclamándolle ao Goberno Municipal que proceda a dotar de pavimentación adecuada á Rúa da Amarella e arredores

O estado da Rúa da Amarella é practicamente intransitábel e así ten sido denunciado en multitude de ocasións tanto pola veciñanza coma polo BNG. Mesmo o alcalde se comprometeu en Pleno a arranxar esta rúa hai xa varios anos, en resposta a unha das múltiples iniciativas presentada alí polo BNG en relación con este tema, a última en xuño deste ano.

Pasado un tempo máis que prudencial, non só non se procedeu ao arranxo desta rúa, senón que o seu grao de deterioro vai en aumento, sendo xa practicamente imposíbel sortear as fochancas que hai na mesma.

En resposta as demandas da cidadanía e do BNG reclamando o arranxo da rúa, o Goberno do PP ven de manifestar nos medios de comunicación que o pavimento da mesma será amañado “cando se fagan as canalizacións de gas”.

Ante o lamentábel estado da rúa, a veciñanza do entorno ve con estupor a resposta do goberno do PP. Considérase, ademais, agraviada contemplando como se están efectuando obras de acondicionamento en rúas que teñen unha pavimentación en moito mellor estado de conservación que o da Rúa da Amarella, mentres nesta nin se fai un bacheado.

En todo caso, dende o BNG, a suxestión que lle facemos ao goberno do PP é que empecen facendo as canalizacións do gas pola Rúa da Amarella porque, ademais de resolver máis rapidamente o problema da veciñanza, tamén lle facilitarían a realización das conducións para o gas, pois moitas das fochancas existentes están a carón da beirarrúa, dificultando o aparcamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *