Solicitamos diante do Pleno de Ribeira o traslado dos depósitos de Ferrazo

No Pleno do vindeiro luns debaterase unha iniciativa pola que dende o BNG, lle solicitamos ao Goberno do PP de Ribeira que se dirixa ao Goberno Galego para que, unha vez emitida Sentencia pola Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo, poña en marcha as actuacións necesarias conducentes, no ámbito das súas competencias, ao traslado destes depósitos

Tamén lle reclamamos que se dirixa ao Goberno español a fin de que este adopte as medidas precisas para trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos actualmente ubicados no peirao do Ferrazo, no porto de Vilagarcía de Arousa, así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos na ría de Arousa

A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo ven de emitir sentencia firme pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo (Vilagarcía de Arousa) por teren sido tramitados sen a preceptiva declaración de impacto ambiental, anulando deste xeito as resolucións da Consellaría de Industria do Goberno do PP (ano 2000, sendo Manuel Fraga Presidente da Xunta) que autorizaban a instalación destes depósitos.

A maiores, esta sentencia ao tempo que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, indica que a presenza destes depósitos na súa ubicación actual podería provocar contaminación das augas da ría de Arousa e da atmosfera, así como a degradación da riqueza mariña.

Esta decisión xudicial dálle a razón a un amplo movemento social, nucleado en torno á Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (conformada por confrarías, agrupacións mexilloeiras e outras entidades da ría), que manifestaron o seu rexeitamento desde o primeiro momento á instalación destes depósitos.

Efectivamente, xa no período 1997-98, instalábase no porto de Vilagarcía de Arousa (no peirao do Ferrazo) uns depósitos de hidrocarburos que xeran un tránsito de mercadorías perigosas no interior da ría de Arousa (lembremos: a máis rica e produtiva do noso país) que resulta absolutamente inaceptable. Conta Galiza con demasiados episodios de contaminación mariña, mareas negras, ou sinistros marítimos de todo tipo, para localizar agora no corazón da ría máis produtiva de toda Europa unha instalación altamente perigosa que representa unha ameaza para milleiros de postos de traballo. Neste contexto, é evidente que a ubicación destes depósitos no seu emprazamento actual na ría de Arousa representa un risco inasumíbel.

A ría de Arousa é un complexo natural inmensamente produtivo que permitiu o desenvolvemento dunha actividade económica moi importante nos complexos mar-industria e turístico, que se traduce en 26.000 postos de traballos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da beiramar da ría. A defensa desta riqueza debe ser prioridade.

Iniciativa Municipal:
2009-07-17traslado-depositos-ferrazo.pdf

Máis información:
Solicitamos no Parlamento Galego o traslado dos depósitos de Ferrazo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *