Demandamos melloras no complexo deportivo da Fieiteira

O BNG presentou unha iniciativa pola que lle reclama ao Goberno do PP que tome as medidas oportunas para que de xeito inminente, se solucionen estas deficiencias nas instalacións deportivas d’ A Fieiteira

O noso concello conta co complexo deportivo d’A Fieiteira onde a cidadanía practica actividades deportivas nas piscinas, campos de fútbol, pavillón, ximnasio, etc.

Ademais das persoas a título individual son numerosos os clubes que desenvolven as súas actividades nestas instalacións. E tanto uns como outros manifestan o seu descontento coas instalacións. Así pois o BNG xa ten presentado numerosas iniciativas sobre estas, ás que o goberno municipal fixo oídos xordos.

Estas instalacións, en xeral, non teñen o mantemento e melloras precisas para que as nosas e os nosos deportistas desenvolvan a actividade física nuns espazos que a nosa cidadanía merece.

Así pois preséntanse carencias, facilmente visibles, nas seguintes instalacións:

Piscina: hai menos de seis meses que o concello de Ribeira recepcionou o novo vaso da piscina. A día de hoxe este vaso da piscina atópase vacío de auga e pódense observar os desperfectos que esta nova instalación presenta: o enlousado do fondo e do lateral do vaso estase desprendendo constantemente o que provoca situacións de risco para os usuarios e usuarias da mesma. Situación esta que non se pode tolerar dado o pouco tempo que ten esta piscina. Asemade todo o recinto da piscina conta cunha serie de desperfectos (mal estado da sauna, portas deterioradas, mal estado da pintura exterior e interior, etc).

Pavillón: a cuberta debería ser revisada xa que presenta deficiencias e goteiras, igualmente o ximnasio precisa mantemento nas máquinas que alí hai.

Campo de fútbol de herba artificial: son moitas as carencias desta nova instalación. A deixadez para colocar as redes que eviten que se escapen os balóns. A grada deste campo está mal feita xa que non ten sitio para que os/as espectadores/as se poidan sentar e ademais os propios banquiños impiden a adecuada visión do xogo. Este campo está sendo utilizado por 4 clubes coas súas categorías base e debería mellorarse o horario para facer un axeitado reparto deste espazo. O muro perimetral non está ben feito e caen os bloques de cemento (xa lle caeu un na cabeza a un rapaz). As porterías de fútbol sete deberían ser de aluminio que permita que os rapaces e rapazas poidan movelas. O concello tamén debería poñer a disposición dos clubes que utilizan esta instalación un espazo para que poidan ter unha pequena oficina e espazo para xuntanzas. O entorno do campo debería coidarse xa que os días de choiva prodúcense pozas e lama que fan intransitable a zona. Indicar tamén que hai numerosas silvas dentro do recinto.

Iniciativa Municipal:
2009-09-18_melloras_na_fieiteira.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *