Reclamamos que se mellore a xestión do Parque Natural

O BNG presentou unha moción para que o Pleno inste á Xunta de Galiza a mellorar a planificación e xestión do Parque Natural e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, facendo efectivos o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e o Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) e que para a súa elaboración se teñan en conta a todos os sectores sociais directamente afectados

O Parque Natural de Corrubedo atópase dentro da Rede Galega dos Espazos Protexidos. Conta con figuras de protección como as de Parque Natural, Humedal Protexido, Zona de Especial Protección para as aves (ZEPA) e Lugar de Importancia comunitaria (LIC). Pero a protección desta zona vai moito máis aló, e con respecto ás áreas protexidas de ámbito internacional atópase dentro dos humedais de importancia internacional como hábitat de aves acuáticas. Así se recolle no convenio RAMSAR (1971), un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.

Dende o 5 de Xuño de 1992, en que foi declarado Parque Natural este espazo, a situación mudou para precario; nestes 17 últimos anos e ata o de agora, as políticas de xestión que se levaron a cabo dende as distintas administracións públicas foron escasas ou máis ben nulas, así é que a día de hoxe, este espazo non conta con Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) nin co Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX), aos que a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza obriga.

Esta Lei, cando fala dos deberes da Conservación no seu punto segundo di claramente que “Tódalas Administracións, no ámbito das súas competencias, asegurarán o mantemento, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión daqueles se produza sen mingua da súa potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación”.

E evidente que se non se conta con estes instrumentos de planificación e xestión, calquera iniciativa que se queira por en marcha ou calquera actuación que se pretenda levar a cabo van estar abocadas á paralización ou fracaso.

Iniciativa Municipal:
2009-06-18_parque_natural.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *