Educación para a cidadanía para os concelleiros/as do Goberno de Ribeira

Por desgraza non é nada novo que nas sesións plenarias os concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ribeira chamen “mentireiro” ou “maleducado” aos representantes do BNG. Tampouco son novas as constantes alusións en Pleno a vida laboral ou de índole social que teñen os gobernantes populares contra os/as concelleiros do Bloque.

Máis cando estes descalificativos e alusións se din sen vir a conto, e cando quen ten que moderar as sesións, o alcalde, non fai nada para paralos ou incluso é o propio alcalde quen os di, a cuestión convértese nun problema de civismo democrático. Señorías, non perdan as formas.

Outra vez no salón de Plenos tivemos que oír da boca dunha concelleira que ten a responsabilidade de gobernar o noso concello: “Peor imaxe dan para as praias de bandeira azul o estado no que quedan estas praias despois de certas festas”.

Dende logo un queda sorprendido que unha representante do goberno local diga isto da única Festa de Interese Turístico Galego que ten este concello, que move miles de persoas, que implica á cidadanía e fan que Ribeira sexa un lugar distinto.

Vala a comparación co que pasa na praia de Rioazor da cidade d’A Coruña nas Festas de San Xoán, praia urbana e con bandeira azul, na que despois das fogueiras a praia queda nun estado lamentable. Dicir que alí, rematada a festa, os servizos municipais deixan a praia impecable en poucas horas e por suposto ningún concelleiro/a d’A Coruña critica a festa de San Xoán na praia, nin se lle ocurre porque forma parte da súa identidade como cidade. O concello limítase a facilitar e a velar polo axeitado desenvolvemento da festa. Ah, e por certo este concello recoñeceu o valor desta a súa festa, declarándoa festivo local.

O BNG por suposto que condena os actos vandálicos que se producen nesta e noutras festas, pero tamén pide que se poñan a disposición os recursos materiais e humanos, que os hai, do concello para evitar estas situacións. Dende logo o BNG defende e defenderá sempre a Festa da Dorna xa que forma parte da emoción intensa que significa “ser de Ribeira”.

Señorías, a Festa da Dorna terá o recoñecemento e apoio que merece.

Luís Teira Parada
Concelleiro do BNG de Ribeira

4 Comments on “Educación para a cidadanía para os concelleiros/as do Goberno de Ribeira”

  1. Bueno… a verdade é que o motivo do artigo paréceme algo esaxerado, pero cada quen que se apañe coas súas histerias. O certo é que a praia, logo da festa da Dorna, queda que da peniña, igual que as rúas logo das festas de agosto. Que as festas sexan boas para o pobo a nivel cultural e económico non é óbice para recoñecer que a xente deixa os espazos públicos feitos un desastriño. Case que era mellor buscarlle as cóxegas ao PP riveirense doutro xeito, e non facer, precisamente, o que fai o PP: facer oposición con calquera excusa.

  2. Non é esaxerado cando un representante da cidadanía non se pode expresar no Pleno.

    Non é esaxerado cando ese representante é insultado, “mentireiro”, por outra representante no salón de Plenos.

    Non é esaxerado que o concello de Ribeira adique recursos humanos (policía, protección civil,..) para velar polo bo desenvolvemento da festa. (Penso nas festas de agosto e na do percebe e visualizo a cantidade de RRHH que mobiliza).

    Non é esaxerado dicir que quen diagnostica de “histeria” ao representante da cidadanía, faga a súa análese de opinólogo dende o embigismo tomando 4 chiquitas.

  3. Tomás… a opinoloxía estala a facer ti na barra dunha tascucha tomando un viño de polvos e un pincho de onte. Mira… precisamente por facer este tipo de argumentario como oposición ao PP riveirense é polo que nunca conseguiredes máis concelleiros. Analiza por que… pero adiántoche que a xente é máis intelixente do que pensas para caer na crítica fácil e baladí. En lugar de tanta tontuna, por que non ides á concesión dos parkings, ou a onde se menten os cartos municipais, porque nas rúas evidentemente non… ou por que se delega nunha entidade local as funcións da concellería de cultura… por exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *