Reclamamos que se recuperen as lousas da Praza da Igrexa

Praza de Otero Goiáns

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle solicita ao Goberno Municipal que se restauren as lousas de perpiaño orixinais da Praza de Otero Goiáns (Praza da Igrexa) e, unha vez sometidas ao tratamento necesario para devolverlle o aspecto orixinal, volvan a formar parte da paisaxe urbana desta praza

As obras que se están efectuando diante da igrexa parroquial de Ribeira deixaron ao descuberto as lousas de perpiaño orixinais desa praza, aparentemente en moi bo estado de conservación.

Esas lousas, de grandes dimensións, teñen un incuestionábel valor histórico. De feito, hai algo máis de 20 anos, a remodelación desa praza suscitou moita controversia e mesmo unha serie de protestas de grupos veciñais que se opoñían ao cambio da pedra orixinal pola que finalmente se colocou na praza.

Dende o BNG, facéndonos eco da voz da cidadanía, consideramos que a realización desta obra debería traer consigo a oportunidade de saldar débedas co patrimonio histórico de Ribeira, tantas veces degradado.

Iniciativa Municipal:
2009-06-15-praza-da-igrexa.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide que se recupere o antigo empedrado da praza da igrexa

Nova na Voz:
O BNG aposta por recuperar as antigas laxas de pedra na praza Otero Goyanes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *