Encontro co sector pesqueiro de Ribeira

Encontro do BNG co sector pesqueiro de Ribeira

O BNG reuniuse en Ribeira co sector pesqueiro para darlle traslado do programa co que se presenta ás eleccións Europeas, escoitar as súas demandas e reiterar o compromiso do nacionalismo galego co sector

O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e a voceira municipal, Dominga Brión, reuníronse na tarde de onte con representantes do sector pesqueiro de Ribeira para reiterarlle o compromiso do BNG con este sector estratéxico para a economía de Ribeira e do país. Na reunión tamén participaron o responsábel local do BNG, Xosé Alberte Lorenzo, e os concelleiros, Xosé Luís Groveiro e Francisco Ayaso, así como outros membros da organización.

Por parte do sector, asistiron á xuntanza representantes da práctica totalidade das asociacións do mar de Ribeira, entre os que estaban os patróns maiores das confraría de Ribeira, Aguiño e Palmeira, os presidentes da Asociación do Arrastre e de Armadores de Ribeira e a xerente da Cooperativa do Mar.

Nos transcurso da reunión, que se prolongou por máis de hora e media, deuse conta do programa con que o BNG se presenta ás eleccións Europeas, especialmente no relativo á pesca, recalcando a importancia de que Galiza estea presente no Parlamento Europeo con voz, con voto e mesmo con veto, algo que só será posíbel se está alí o BNG.

Por parte do sector, puxéronse enriba da mesa as problemáticas ás que se enfrontan no día a día. Fixeron fincapé na necesidade de facer un maior control das importacións de peixes e mariscos e mellorar as canles de comercialización dos produtos de primeira calidade cos que contamos, así como, de atallar o furtivismo. O saneamento integral da ría, o incremento da potencia dos motores, ou a adopción de medidas para efectivizar á subvención da gasolina foron, entre outras, ás problemáticas tratadas.

Pola nosa parte, reiteramos o compromiso do BNG co sector e comprometémonos a seguir dándolle traslado das súas problemáticas ás institucións nas que temos representación, agardando presentar moitas delas directamente no Parlamento Europeo a partires do 7 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *