Falla de aparcamentos e caos circulatorio en Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita que se habiliten máis espazos de aparcamento próximos ao casco urbano (aparcamentos disuasorios), sinalizándoos debidamente, para atender acaidamente as necesidades da cidadanía

Tamén demanda que se estuden e se indiquen vías alternativas que contribúan a desconxestionar o tráfico do centro urbano e se axilice a construción e posta en servizo dunha circunvalación dende a autovía até o peirao

O caos circulatorio e a falla de aparcamento que padece a nosa cidade ven de agudizarse coa aplicación da nova Ordenanza de Circulación, ao poñerse en marcha a “zona azul” que nela se regula. O Goberno Municipal deixa que entre en vigor sen adoptar previamente outras medidas, como por exemplo, areas de aparcamento público gratuítas á entrada do casco urbano, como temos demandado reiteradamente.

Dende o noso punto de vista, esta actuación do Goberno do PP e totalmente desacertada. Ademais, consideramos que o peor aínda esta por vir. Previsiblemente na tempada estival incrementarase o número de vehículos nas nosas rúas, nomeadamente durante as festas de agosto: a habitual concentración de “chiringuitos”, barracas e atraccións na zona do malecón farán, un ano máis, imposíbel o paso e o aparcamento.

É preciso, pois, que o Goberno busque e atope solucións urxentes e eficaces para paliar na medida do posíbel este problema. Dende logo, debería facelo antes de aplicar a Ordenanza de Circulación, nomeadamente no relativo á “zona azul”. Até o momento a única solución do PP á redución de aparcamento, ao converter en peonís rúas do casco urbano, foi e segue sendo a meramente punitiva: as multas están á orde do día. Ao parecer, a mesma que ten previsto aplicar ante a posta en marcha da “zona azul”.

Ribeira necesita máis áreas de aparcamento público gratuíto, ben sinalizado e vías alternativas para desviar o tráfico do centro urbano, acompañado dunha mellora do transporte público, como temos demandado e multitude de ocasións.

Tamén contribuiría a mellorar a circulación a construción dunha circunvalación dende a autovía até o porto. Pero até o momento tampouco se ten feito ningún avance nesa materia por parte do Goberno Popular.

Iniciativa municipal:
2009-05-12-aparcamentos-e-circulacion.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG reclama máis aparcamentos próximos ó casco urbano

Nova na Voz:
O BNG reclama que se habiliten aparcadoiros próximos ao centro urbano de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *