En defensa da nosa lingua

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita que se manifeste a vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do galego nos diversos ámbitos sociais

Tamén demanda o apoio do Pleno ao ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego’, instándoo, ademais, a secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela

Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na dirección daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para que o galego goce no seu territorio do mesmo status legal que o castelán no seu.

Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.

Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende que as persoas galegofalantes non teñan dereitos lingüísticos, e que os únicos deberes para as administracións públicas queden referenciados ao uso do castelán. Na práctica, estamos na negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.

De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego.

Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; esixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.

Non obstante, estamos a escoitar declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que supoñen un ataque contra do galego e mesmo poden supoñer un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra de acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos de uso.

Iniciativa Municipal:
2009-05-13-en-defensa-da-nosa-lingua.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *