Solicitamos o traslado dos depósitos de Ferrazo

O BNG presenta iniciativas diante do Parlamento Galego e das Corporacións Municipais para solicitarlle ao Goberno Galego que poña en marcha as actuacións necesarias conducentes, no ámbito das súas competencias, ao traslado dos depósitos de hidrocarburos do porto de Ferrazo, unha vez emitida Sentenza pola Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que declara ilegais estes depósitos.

Tamén solicita que se dirixan ao Goberno español a fin de adoptar as medidas precisas para retirar e trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos actualmente ubicados no peirao do Ferrazo, no porto de Vilagarcía de Arousa; así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos na ría de Arousa.

A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo ven de emitir sentenza firme pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo (Vilagarcía de Arousa) por teren sido tramitados sen a preceptiva declaración de impacto ambiental, anulando deste xeito as resolucións da Consellaría de Industria do Goberno do PP (ano 2000, sendo Manuel Fraga Presidente da Xunta) que autorizaban a instalación destes depósitos.

A maiores, esta sentenza ao tempo que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, indica que a presenza destes depósitos na súa ubicación actual podería provocar contaminación das augas da ría de Arousa e da atmosfera, así como a degradación da riqueza mariña.

Esta decisión xudicial ven a lle outorgar a razón a un amplo movemento social, nucleado en tomo á Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (conformada por confrarías, agrupacións mexilloeiras e outras entidades da ría), que manifestaron o seu rexeitamento desde o primeiro momento á instalación destes depósitos.

Efectivamente, xa no período 1997-98, instalábase no porto de Vilagarcía de Arousa – no peirao do Ferrazo – uns depósitos de hidrocarburos que xeran un tránsito de mercadorías perigosas no interior da ría de Arousa (lembremos: a máis rica e produtiva da nosa nación) que resulta absolutamente inaceptábel. Conta Galiza con demasiada experiencia vinculada a episodios de contaminación mariña, marés negras, ou sinistros marítimos de todo tipo, para localizar agora no corazón da ría máis produtiva de toda Europa unha instalación altamente perigosa que representa unha ameaza para milleiros de postos de traballo. Neste contexto, é evidente que a ubicación destes depósitos no seu emprazamento actual na ría de Arousa representa un risco inasumíbel.

A ría de Arousa é o complexo natural e produtivo máis rico de toda a nosa nación, con unha privilexiada base natural que permitiu o desenvolvemento dunha actividade económica moi importante nos complexos mar-industria e turístico, que se traduce en 26.000 postos de traballos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da beiramar da ría. A defensa desta riqueza debe ser prioridade.

Iniciativas Parlamentares:
2009-04-24-depositos-ferrazopnl.pdf
2009-04-24-depositos-ferrazopo.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *