Falta vontade política para facer un novo Mercado

No pasado Pleno Municipal de abril o goberno popular deixou outra vez ao descuberto a pouca vontade política para dotar a Ribeira dun novo Mercado Municipal. Tan só se comprometeu a axilizar a súa construción, pero aínda non dispón do solar onde poder ubicalo, nin se albisca a curto prazo. Trátase, polo tanto, dun novo brindis ao sol, dos moitos aos que nos ten acostumados/as o alcalde de Ribeira.

Pero fagamos un pouco de memoria, porque este non é un tema novo. A Plaza de Ribeira ten unhas instalacións que se atopan unha situación moi precaria dende fai moito tempo. O único responsábel desta situación é o PP, que leva gobernando este concello de xeito ininterrompido dende o ano 87. Daquela xa era tenente de alcalde o actual alcalde, que leva exercendo o seu cargo como tal dende o ano 1991 con maioría absoluta e gobernos da súa mesma cor na Xunta e en Madrid.

Durante todo este tempo presentáronse iniciativas demandando un novo mercado, as que o goberno do PP lle fixo caso omiso. O seu estado é tan lamentábel que na precampaña das Municipais 07 (8 febreiro 2007) Torres Colomer presenta na prensa un proxecto de mercado “virtual”, para ubicalo no Peirao, sen ter feito ningunha xestión diante de Portos de Galiza para conseguir eses terreos.

A vista de que pasada a cita electoral a idea de construír un novo mercado dilúese, os praceiros e praceiras inician unha campaña de recollida de sinaturas esixindo unhas novas instalacións. Máis de 2.200 persoas secundan a súa petición e en febreiro do 2008 as sinaturas son entregadas no rexistro do Concello.

Propostas de ubicación que fai o goberno

No Peirao

A construción do mercado no peirao, fronte ao actual, é a proposta lánzada polo PP para o seu “mercado virtual”, pero isto require a aceptación por parte de Portos e suporía que previamente se executaran unha serie de actuacións que irían dende a construción dunha nova lonxa até a redistribución dos espazos portuarios. Polo tanto, significaría alongar moito no tempo a dotación do novo mercado. Algúns praceiros fan fincapé, ademais, na perigosidade que suporía cruzar a diario unha avda. de 4 carrís, como é o caso da do Malecón.

No Rueiro

Esta proposta conta co apoio dos praceiros e praceiras, pero supón que previamente se constrúa un novo edificio no que se acondicionaría o baixo para mercado. Sen embargo, a situación crítica da construción supón, tamén, moito tempo de espera.

Proposta do BNG: actual ubicación

Dispomos dun amplo espazo público se, ademais do propio solar, contamos co subsolo das áreas de aparcamento que hai arredor até a rotonda das “amas de casa” ou Praza da Concordia.

Se queremos todo o mercado nunha soa planta pódese facer soterrada tipo Gadis (a carón do Concello) ou Carrefur de Area Central de Santiago. Ademais, podería ir acompañado dunha área de aparcamento soterrado, destinando a superficie a zona verde. O resto do edificio, ocupando o mesmo espazo que o actual, quedaría para instalacións municipais.

De preferirse a estrutura actual, podería construírse en 2 plantas especializadas, dotándoo de ascensores e escaleiras mecánicas.

Nesta ubicación poderíase empezar a construción inmediatamente e dotar a Ribeira dunhas instalacións modernas e funcionais, coas que xa contan outros concellos da comarca, e moi pronto tamén Palmeira, grazas a financiación da Consellería de Industria.

Dende o BNG consideramos urxente a construción dun Mercado Municipal para dinamizar a comercialización dos produtos de primeira categoría cos que contamos: peixe e marisco, froitas e verduras, carne… Máis se cabe, nun momento de crise como o actual.

O paso do tempo abocaría ao peche de moitos negocios alí existentes, que xa neste momento están pasando por momentos difíciles, sendo mesmo, en moitos casos, o propio goberno quen contribúe a agravar esta situación, abrindo expedientes aos praceiros/as, esixindo o cumprimento de normativas que o goberno incumpre sistemáticamente.

Solar público

Tal como se pode comprobar no arquivo municipal, o actual Mercado está ubicado nun solar público, cedido polo Estado a un empresario de Ribeira para taller de envases de sardiña a principios do século pasado en réxime de concesión administrativa. A escasez de peixe orixinou que fora arrendado inicialmente por 500 pesetas anuais para Praza de abastos.

Na concesión do solar existía unha cláusula na que se indicaba que o Concello tería dereito a ese solar pagando unicamente o valor dos materiais empregados. Para evitar un expediente de expropiación forzosa, valorouse a construción en 15.000 ptas. no ano 1913, que se lle pagaron en 3 anos (5.000 ptas./ano). Esta era unha cantidade moi importante, se temos en conta que o orzamento anual do Concello ascendía a 21.350 ptas.

Nova no Canal Rías Baixas:
O pleno desbota ubicar o novo mercado no seu emprazamento actual

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *