Reclamamos en Madrid unha solución aos núcleos do litoral

DAVILA RECLAMA A ESPINOSA QUE “SOLUCIONE DEFINITIVAMENTEA SITUACIÓN XURÍDICA DOS NÚCLEOS SITUADOS NO LÍMITE LITORAL E APELA AO DIÁLOGO COS CONCELLOS

A Ministra de Medio Ambiente manifesta a Davila o “seu compromiso para solucionar o problema dos veciños” que viven en poboacións situadas na zona de servidume do litoral pero non explica a fórmula

A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, manifestou, na súa resposta á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que “o Estado se compromete a solucionar o problema dos veciños” que viven en núcleos situados na zona de servidume marcada pola Lei de Costas pero en ningún momento explicou cal ía ser a fórmula.

Davila dirixíase á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, para preguntarlle que “medidas ían adoptar para solventar a situación de inseguridade xurídica na que se atopan moitos núcleos singulares e históricos situados na costa galega a menos de cen metros desde o límite do litoral”, dado que o Goberno decidiu recurrir a Disposición Segunda da Lei de Vivenda da Xunta que contemplaba unha solución.

A Ministra admite inseguridade xurídica nestes casos

Elena Espinosa admitiu á deputada do BNG que “é certo que existe inseguridade xurídica” pero o circunscribiu “á ampliación das propiedades e vivendas” pero, afirmou, “os terreos afectados pola servidume continúan a ser de propiedade privada, poden facer obras de conservación” pero a limitación “está en non poder amplialas”.

Co recurso á Lei de Vivenda galega négase unha solución ao problema

A deputada do BNG subliñou o desacordo do BNG coa decisión adoptada polo Goberno de recurrir a Lei galega. “Vosté coñece de primeira mán a situación pola que atravesan os veciños destes núcleos históricos e singulares, que levan moitos anos loitando para que se solucione o inxusto estado no que lles deixou a Lei de Costas de 1988”.

Máis información:
2009-04-29resposta-espinosa-a-davila-nucleos-litoral.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *