O PP, responsábel do deterioro da canceira municipal

O BNG de Ribeira xa ten denunciado o lamentábel estado no que se atopaba a canceira municipal, demandando a súa inmediata posta en funcionamento. Máis de 3 anos despois de ser recepcionada esta obra “a brillante xestión” do goberno popular colócanos diante da “crónica dunha morte anunciada”

En outubro do 2007 o BNG presentou unha iniciativa municipal pola que denunciaba o estado de abandono da canceira municipal e demandaba a súa inmediata posta en funcionamento. A pesar de que votaron a favor do segundo punto da nosa moción: “Que se poña en funcionamento, coa maior brevidade, a canceira municipal de Ribeira”, o tempo volve a demostrarnos que o PP de Ribeira, co seu alcalde á cabeza, incumpre sistematicamente os seu compromisos.

Lonxe de respectar o acordo municipal, máis de 3 anos despois de ser recepcionada a obra non só non se puxo en funcionamento, senón que nin sequera se adoptaron as medidas oportunas para evitar o seu deterioro paulatino: xa naquel momento o estado de abandono no que se atopaba era clamoroso, con rotura de cristais, do portal de entrada e roubos diversos no seu interior. O estado actual non é máis que a “cronica dunha morte anunciada”.

A canceira municipal de Ribeira foi recepcionada con data 31 de marzo de 2006. Nesta obra fíxose un investimento público de máis de 200 mil € (200.126, 11€, máis de 33 millóns das antigas pesetas). Ademais hai que engadirlle 4.286,14 € para acondicionar a pista que da acceso á canceira. En total preto de 205 mil €, dos nosos impostos, tirados, e o servizo sen prestar.

Os animais abandonados, especialmente cans, son unha triste realidade coa que nos atopamos a cotío nas nosas rúas e mesmo praias. É intolerábel, pois, que, a pesar do importante investimento feito na construción desta canceira municipal, a día de hoxe non só non se poida ofertar un servizo social tan importante, senón que a estas alturas precisaríase un importante investimento para poñelo en funcionamento.

Son moitas as preguntas que cabe prantexarse: por qué investiron tantos cartos nunha obra para logo deixar que se deteriore? Se consideraban que a prestación dese servizo é moi cara e, polo tanto, inviábel para as arcas municipais, por qué non investiron eses cartos noutras das moitas carencias coas que conta o noso concello? En todo caso, por qué deixan estas instalacións públicas en total estado de abandono? Que clase de planificación e xestión fai este goberno dos nosos cartos, especialmente nun momento de crise?...

Dende o BNG consideramos que o coidado dos bens públicos é unha obriga incuestionábel e sempre hai que ser moi rigoroso coa xestión dos cartos de todos e todas, máxime nun momento de crise como o actual. É imprescindíbel que toda actuación de goberno responsábel vaia precedida dunha planificación en función das necesidades da cidadanía. Lamentablemente, unha práctica pouco habitual no goberno do PP de Ribeira.

Máis información…

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG demanda a posta en marcha da canceira para frear o seu deterioro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *