Demandamos a recuperación de fontes e lavadoiros

O BNG presentou unha moción pola que demanda o respaldo da Corporación Municipal para que o Goberno do PP acometa unha actuación integral que supoña a recuperación e restauración de fontes e lavadoiros na parroquia de Carreira e o saneamento dos regatos ou cursos de auga que están ao seu carón

Tamén solicita a limpeza e mellora dos accesos e a colocación de paneis informativos, indicadores de localización, de potabilidade, etc.

Son moitos os mananciais existentes por todo o Concello, en concreto nesta parroquia de Carreira hai un bo numero de fontes e lavadoiros que antigamente empregaba a veciñanza como lugar comunitario para lavar a roupa e tamén para recoller auga que levaban para as casas. A maior parte deles atópanse en estado de abandono, así podemos falar dos mananciais e lavadoiros de Pedrín, Vilar, Vixán, Carreiriña, Amendo e as fontes de cano de Parte o río, Fontenla, Laxes, Filgueira, etc.

Estes elementos singulares da arquitectura popular atópanse esquecidos polo Goberno Municipal, tanto na súa propia estrutura como no seu entorno e accesos. Cada vez son menos os veciños/as da parroquia e incluso de parroquias limítrofes que van a por auga as fontes. A xente queixase a cotío polo estado no que se atopan estas e os seus accesos. Para os nosos cativos pasa a ser un descoñecido este patrimonio cultural.

Os Concellos están na obriga de conservar todo este patrimonio co que contamos e mantelo nas mellores condicións para o uso e o lecer da nosa cidadanía. Xa foron moitos os concellos que nos últimos anos se aproveitaron das axudas do PEIM de Medio Rural para recuperar este patrimonio.

Iniciativa Municipal:
2009-04-13-recuperacion-fontes-e-lavadoiros-carreira.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *