Solicitamos máis oferta formativa na Escola Náutica

O BNG presentou unha moción, que se debaterá no vindeiro Pleno Municipal, pola que solicita que o Concello de Ribeira, inste á Consellaría do Mar a que homologue á Escola Náutica Pesqueira para poder impartir cursos e examinar ás persoas interesadas en obter algún título de embarcacións de lecer, dotándoa, se é preciso, do persoal e material axeitados.

No noso concello temos unha Escola Náutico Pesqueira de primeiro nivel dependente da Consellaría do Mar. Grazas a esta instalación fórmanse profesionais do mar do ámbito pesqueiro tanto de máquinas como de ponte.

Asemade, esta escola tamén fai exames para a obtención de diversos títulos de embarcacións de lecer, entre eles están: Patrón/a de Navegación Básica (PNB), Patrón/a de embarcacións de Lecer (PEL), etc. Cuestión esta de moito interese no noso concello xa que son moitas as persoas que gustan de ter unha pequena embarcación (como pode ser unha dorna) para poder gozar do entorno mariño que temos.

Periodicamente a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, no novo organigrama da Xunta, a Consellaría do Mar, convoca estas probas que se desenvolven na escola ribeirense. Estas probas son por libre e non hai un curso específico nesta escola para formar ao alumnado. Aínda así, unha vez que supera este exame teórico deberá facer un exame práctico nun barco coas características axeitadas a cada titulación.

Lamentablemente esta escola non conta con embarcacións axeitadas para que o alumnado poida examinarse da parte práctica desta titulación.

Por iso, dende o BNG demandamos que se inste á Consellería do Mar a que homologue á Escola Náutica Pesqueira para poder impartir cursos e examinar (da parte teórica, seguridade, radiotelecomunicacións e navegación) ás persoas interesadas en obter algún título de embarcacións de lecer (cando menos do PNB e PEL), dotándoa se é preciso de persoal, material e embarcacións axeitadas.

Iniciativa Municipal:
2009-04-17-dotacion-actividades-formativas-e-embarcacions-eonp-de-ribeira.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide que se amplíe a oferta formativa da Escola Náutica de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *