O PP resistese a respaldar as mocións do BNG

Como ven sendo habitual nos Plenos da Corporación Municipal de Ribeira, o Partido Popular amosase incapaz de votar a favor das mocións do BNG, aínda que nelas o único que se pida sexa o cumprimento da normativa vixente, como é o caso da aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Así, votou en contra da moción do BNG pola que solicitamos a dotación dun pavillón polideportivo cuberto e outros servizos en Carreira, alegando, coma sempre, que non son certas todas as carencias de Carreira que denuncia o BNG, e que “xa están niso”.

Con respecto ás outras dúas mocións do BNG debatidas na sesión plenaria do pasado luns, fixeron valer aquel dito de “se queres que nada cambie, crea unha comisión”.

Foi o caso da moción do BNG pola que solicitamos a aplicación da Lei de Memoria Histórica. Propuxeron que se creara unha comisión. De entrada é un primeiro paso, se realmente se crea. Pero non é a primeira vez que a respecto deste tema nos responden desta maneira e aínda a día de hoxe non crearon tal comisión. Neste caso, como a lei marca de prazo até finais deste ano, suponse que os nomes de rúas e demais simboloxía franquista que connoten a exaltación do antigo réxime totalitario teñen os días contados.

Outro tanto aconteceu coa moción do BNG pola que solicitamos a dotación de Internet de banda larga por Wimax ao Polígono de Xarás e arredores. Mentres a Consellaría de Innovación e Industria dota de Internet de banda larga polo sistema Wimax a todos os polígonos do país, o goberno do PP de Ribeira non ten presa por achegar as novas tecnoloxías ao Polígono de Xaras e ás parroquias do Concello. Prefire que se cree unha comisión…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *