Reclamamos a construción dun campo de fútbol en Artes

O BNG de Ribeira ven de presentar unha moción diante do Pleno Municipal pola que lle reclama ao Goberno do PP que destine unha partida económica no orzamento do 2009 para acometer a construción dun novo campo de fútbol na parroquia de Artes

Tamén demanda que o Goberno municipal realice as xestións oportunas diante da Administración correspondente para que, mentres non se dispoña do novo campo de fútbol, se poidan levar a cabo as obras precisas para o mantemento en bo estado das instalacións actuais

O fomento da actividade deportiva, especialmente entre a mocidade é unha das prioridades que os concellos deben atender para acadar unha mellor calidade de vida da súa poboación. É coñecido o importante esforzo que na parroquia de Artes teñen realizado, desde xa hai moitos anos e de xeito desinteresado, moitas persoas para o mantemento dun equipo de fútbol, o C.D. Artes, que leva a cabo unha labor que transcende xa os límites da parroquia e que beneficia á xuventude de todo o concello de Ribeira. O C.D. Artes mantén na actualidade en ficha a máis de 80 xogadores e sostén equipos en catro categorías: alevíns, cadetes, xuvenís e afeccionados.

O C.D. Artes, e moitos máis equipos nas competicións e adestramentos, utilizan desde hai moitos anos o campo de fútbol de Trumians que se atopa actualmente nun estado de conservación lamentable: cunha moi precaria instalación eléctrica que case impide a utilización de auga quente, cuns vestiarios en pésimas condicións, carente de cerramento exterior en condicións, sen bancada cubertas e cun terreo de xogo case impracticable. Cabe indicar que se aínda é posible utilizar estas instalacións para a práctica do fútbol federado é debido exclusivamente ao esforzo dos propios directivos e colaboradores do Club e ás axudas que eles mesmos xestionan.

Sendo conscientes de que a pésima situación das instalacións de Trumians está en gran parte motivada polas limitacións derivadas da súa situación no interior do Parque Natural de Corrubedo que foi, en todo caso, posterior á construción e cesión ao Club, pensamos que a solución a este grave problema pasa necesariamente polo traslado do campo actual a unha nova ubicación máis acaída.

Iniciativa Municipal:
2009-03-20campo-de-futbol-artes.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *