Reclamamos a aplicación da Lei da Memoria Histórica en Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa que se debaterá no vindeiro Pleno Municipal, pola que se lle reclama ao goberno do PP que cumpra, de xeito urxente, a Lei 52/2007, de 26 de decembro de Memoria Histórica, cambiando, de xeito urxente, o nome das rúas que connoten a exaltación do antigo réxime totalitario por outros adaptados á nosa realidade galega. Tamén se solicita a retirada de escudos, placas e demais simboloxía franquista.

No noso concello quedan varios símbolos franquistas na paisaxe urbana. Só por citar uns exemplos: o escudo preconstitucional da capitanía, o símbolo da falanxe en varias fontes e o sangrante caso do nome da rúa Xeral Franco no centro da nosa cidade.

Son moitos os colectivos e persoas que se sorprenden de que aínda teñamos no noso entorno todos estes símbolos. Dende o BNG xa temos solicitado reiteradamente que se procedera a eliminar esta simboloxía que recorda a unha ideoloxía totalitaria e asasina, da que seguro ninguén se considera herdeiro.

A Lei en vigor, 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quenes padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura – máis coñecida como Lei de Memoria Histórica – establece no seu artigo 15 sobre Símbolos e monumentos públicos o seguinte:

“As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.”

Pasado máis dun ano da entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica dende o BNG de Ribeira, recollendo o sentir da cidadanía, solicitamos unha vez máis a súa aplicación. Consideramos que os gobernos están para cumprir a lei. Ningunha maioría absoluta esta lexitimada para conculcala.

Iniciativa Municipal:
2009-01-16-memoriahistorica.pdf

2 Comments on “Reclamamos a aplicación da Lei da Memoria Histórica en Ribeira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *