Graciñas polos apoios recibidos e adiante co BNG!

Despois da “tormenta perfecta” na que nos vimos envoltos, quero que as miñas primeira palabras sexan de gratitude e de alento para os compañeiros e compañeiras militantes e simpatizantes do BNG que dedicaron moitas horas do seu tempo de lecer para traballar arreo na consolidación do proxecto nacionalista en Ribeira, na Barbanza e en todo o país. Fomos moitas as persoas que traballamos durante estes tres anos e medio para que a Barbanza conte con moitos servizos dos que carecía até fai moi pouco. Hoxe temos unha autovía, chan industrial en marcha, fibra optica, melloras no tendido electrico, centros de día, melloras no Hospital de Barbanza, galescolas, locais de ensaio…

Fomos moitas tamén as que durante estes días de campaña traballamos arreo para explicarlle á cidadanía os nosos proxectos de futuro: aos compañeiros e compañeiras que lle quitastes horas ao lecer e mesmo ao sono, e moi especialmente aos que até sacrificastes días de vacacións para colaborar na campaña, mil grazas.

Aínda que non o pareza, ese esforzo non foi en vano, preto de 3.000 persoas en Ribeira e máis de 8.000 en toda a comarca, o 21%, valoraron o noso traballo e confiaron en nós dándonos o seu respaldo a pesar da campaña máis sucia que se recorda levada a cabo polo Partido Popular.

Concretamente en Ribeira 2.683 papeletas e o 18,53% do voto son a proba da confianza dunha boa parte do electorado aos que lle debemos gratitude eterna. Os mellores resultados obtivémolos no casco urbano, cunha media do 19,67%, onde varias mesas superaron o 21%, chegando a rozar o 24% nunha delas. Igualmente en Oleiros, onde obtivemos un importante incremento do número de apoios con máis do 23% do voto. Tamén en Carreira a média foi de máis do 20%, superando o 25% nunha delas. Mesmo en Aguiño rozamos o 22% nunha das mesas e en Artes o 21%.

Aínda así, é obvio que os resultados do pasado domingo non son os agardados pero, como na canción de José Afonso, “o povo é quem máis ordena”. A verdade é que falaou alto e claro e toca, pois, acatar a súa vontade.

Para esta nova etapa a cidadanía decideu que estiveramos na oposición e dende aí continuaremos a facer o noso traballo coa mesma dedicación coa que sempre o fixemos. É certo que se perdeu unha gran oportunidade de consolidar os proxectos transformadores iniciados. Haberá tempo para analisar por qué a cidadanía non perciviu os cambios positivos efectuados. Teremos que analisar de vagar cales foron os erros cometidos e correxilos para que non volvan a repetirse.

Agora, dende a oposición, fiscalizaremos o traballo da Xunta para que en Ribeira e na Barbanza o Partido Popular non volva ás andadas. Estaremos pendentes de que se rematen todos os proxectos iniciados: o centro de alzheimer de Ribeira, o chan industria, o saneamento da Ría, que continúen as melloras no Hospital da Barbanza, que se fagan as galescolas, os centros de día e os locais de ensaio que faltan, que se efectúen as melloras portuarias e a nova lonxa de Ribeira, a circunvalación, o mercado de abastos, a estación de autobuses… Tres anos e medio non deron para rematar con todas as eivas herdadas. Veremos se o PP é capaz de rematar o empezado.

Queda, pois, moito que facer. Son moitos os homes e mulleres de Ribeira, da Barbanza e da Galiza que confiaron en nós e aos que non podemos defraudar. Moito ánimo a todos e a todas e adiante co BNG!!

Resultados Galegas 2009, Ribeira:
galegas09.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *