Compromiso cos sectores productivos, o emprego e o benestar

Entrevista na Voz

Entrevista a Dominga Brión, candidata nº 8 do BNG pola Coruña ao Parlamento Galego

É a primeira vez que o nacionalismo galego goberna neste país; que sensación ten Dominga Brión ao remate da lexislatura?

Trátase dun feito histórico no que hai luces e sombras, como en toda acción de goberno. A cidadanía terá ocasión de xulgar o noso traballo e o dos outros. Todos os inquéritos coinciden en que o BNG é a única forza política que medra claramente en votos e escanos. A sensación, polo tanto, é moi positiva aínda que non debemos confiarnos. Queda moito por facer.

En que notou Ribeira o cambio de goberno na Xunta de Galiza?

O BNG de Ribeira foi moi activo na xestión diante da Xunta. Penso que as consellarías do BNG tiveron un papel vital á hora de superar eivas históricas. Como acción a acción máis relevante do BNG no goberno hai que citar o polígono industrial entre Ribeira e Pobra, o Polígono da Barbanza, que xa está en marcha – estanse comprando os terreos e pronto se iniciarán as obras-. Tamén é moi importante a inversión de 1 millón de euros en mellora dos tendidos eléctricos, as melloras nas Casas do Mar, a chegada do gas natural ou o importante investimento da Consellaría de Innovación e Industria na rúa peonil e novo mercado de Palmeira e máis a colaboración co pequeno comercio de Ribeira. Lembrar tamén a recentemente aprobada Lei de Vivenda que abre unha vía definitiva de solución ao problema de Areeiros e Palmeira coa liña de Costas. Sinceramente coido que non hai color coa etapa anterior.

Porén hai quen di que Ribeira aínda está atrasada en novas tecnoloxías…

Partíamos dunha situación terceiromundista. Pero a implantación da fibra óptica en Ribeira só foi posible grazas a un forte investimento da Consellaría e Innovación e Industria. Esta mesma Consellaría ten en marcha o Plan de Implantación da Tecnoloxía Wimax que pronto chegará ao Polígono de Xarás e a amplas zonas do rural.

Non me dirá que todo foi sobre rodas…

Sempre hai atrancos. Algúns inevitables, pero outros totalmente incomprensibels. Hoxe Ribeira non conta cunha galescola porque o Goberno do PP de Ribeira se opuxo. O mesmo podemos dicir do local de ensaio para os grupos musicais ou, o que é peor, co Centro de Alzheimer que a Vicepresidencia da Xunta de Galiza ten rematado hai dous anos. Está á espera de ser posto en marcha debido ás trabas postas polo goberno local. O PP só pon atrancos á xestión da Xunta de Galiza en vez de dar facilidades. Espero que, pasadas as eleccións, sexa todo máis doado.

Falemos de futuro, que plans ten o BNG cara a vindeira lexislatura?

Ben, ademais das iniciativas xa en marcha, urxe acometer cuestións que quedaron pendentes na anterior. Falo por exemplo da situación das instalacións portuarias ou de completar o saneamento integral. Teño que dicir aquí que estas cuestión non dependían de áreas gobernadas polo BNG pero na vindeira lexislatura serán prioritarias para nós.

Aínda non falamos nada da crise. Que propostas ten o BNG?

O principal, na vindeira lexislatura, será favorecer a creación de emprego, velaí a gran importancia da posta en marcha do macropolígono que contará con naves modulares con opción de compra. Seguiremos apostando forte pola I+D+I nas nosas empresas e crearemos un Instituto Galego de Crédito, ... Tamén é vital para Ribeira a construción de vivenda protexida, a creación do Grupo de Desenvolvemento Rural, a potenciación do sector do mar e do turismo, melloras no Hospital da Barbanza, ou a posta en marcha dun centro integrado para incrementar a oferta formativa… estas son as propostas que precisa Ribeira. A xente non quere volver ao pasado quere seguir coa ilusión do presente visualizando un futuro mellor.

Entrevista na Voz:
«O BNG fai políticas para a xente»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *