As políticas de emprego, igualdade e benestar

Mitin de Palmeira

O BNG deu conta en Palmeira das políticas de emprego, igualdade e benestar polas que quere seguir apostando dende o vindeiro goberno da Xunta de Galiza

Dominga Brión, candidata do BNG ao Parlamento Galego, acompañada por Rubén Cela, Director Xeral de Xuventude, Luís Teira, concelleiro, e Plácido Betanzos, referente histórico do BNG de Ribeira, achegáronse onte ao Bar de Tucho, o Baluarte, situado no peirao de Palmeira, que se quedou pequeno para acoller ao máis de medio cento de persoas que se achegaron até alí para escoitar as propostas do BNG para a vindeira lexislatura.

Conscientes de que, como en toda acción de goberno hai luces e sombras, valoraron a experiencia como moi positiva facendo fincapé nos logros acadados que serven de aval para as futuras políticas que o BNG aplicará dende o goberno, e demostran que o programa electoral que o BNG presenta é un contrato coa cidadanía e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Durante as súas intervencións deron conta das políticas transformadoras levadas a cabo polo BNG nas cinco consellarías nas que gobernou dende o ano 2005 cando, por primeira vez na historia do país, o nacionalismo galego chegou ao goberno de Xunta. Pero sendo importante dar conta do traballo feito, é prioritario presentar as propostas para encarar o futuro do país nunha situación crítica como a que estamos vivindo. Nese senso, indicaron que o BNG apostará polas políticas de igualdade e benestar e apoiará a economía produtiva para crear emprego.

Dominga Brión resaltou a creación do Sistema Galego de Benestar que supuxo a posta en marcha dunha serie de servizos en todo o país. Significou, ademais, a visualización dunha problemática que existía, aínda que invisíbel a ollos do goberno do PP, e que elevou a rango de dereitos da cidadanía os servizos sociais, desterrando a concepción asistencialista predominante na etapa do goberno popular.

Brión fixo fincapé na dotación de servizos na comarca, como é o caso dos centros de día en Boiro e Outes, anunciando que están previstos en Muros e Rianxo. Tamén resaltou a importancia de impulsar outros servizos que se están implantando na Barbanza como é o caso do transporte adaptado e Xantar na casa ou das galescolas que xa funcionan nos concellos de Boiro e Rianxo. Lamentou que a cidadanía de Ribeira e da comarca non dispoña aínda do centro de alzheimer que está rematado hai máis de dous anos no Malecón de Ribeira a espera de realizar as obras de dotación dun ascensor, que o goberno municipal retrasou deliberadamente. Tamén amosou o seu pesar porque o goberno do PP rexeitara servizos como a galescola, alegando que non era necesario, ou os locais de ensaio.

A candidata do BNG aludiu á necesidade de continuar coa aposta de crear emprego construíndo os parques empresariais que están en marcha na comarca, dotándoos de naves modulares en réxime de alugueiro con opción de compra para respaldar aos novos emprendedores/as, favorecendo así a creación de novas empresas. Seguir impulsando ao sector turístico, con grandes potencialidades na Barbanza, e reforzar ao comercio de proximidade, como xa ten feito co financiamento do novo mercado de Palmeira dende a Consellería de Industria, son claros exemplos de apoio aos nosos sectores productivos.

Para rematar, incidiu na necesidade de continuar con estas políticas transformadoras, levándoas a outras áreas do goberno como é o caso da pesca, da sanidade ou da educación, das que expuxo as máis importantes propostas programáticas. Concluíu chamando á participación para consolidar os cambios iniciados.

Unha reflexión sobre “As políticas de emprego, igualdade e benestar

  1. Día de moito...

    A min o que che me gustaría é saber como o voso partido pensa preparar a sociedade e a economía galega para o problema que imos topar en canto comecemos saír (se saímos) da recesión, e do que xa se cansan de advertirnos desde organismos internacionais: http://vesperadenada.org/2009/02/20/cando-levantemos-cabeza-da-crise-economica-bateremos-coa-crise-enerxetica/

    Porque no voso programa a verdade é que non se atopa un só indicio de que nos vaiades preparar, máis ben todo o contrario! E nalgo de consecuencias tan graves para todos e cada un de nós non comprendo como podedes estar tan tranquilos e non facer o máis mínimo caso das voces de alarma da comunidade científica e dos propios organismos internacionais que os propios estados creastes para vixiar o sistema enerxético mundial!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *