Solicitamos un Pavillón Polideportivo para Carreira

O BNG solicita diante do Pleno Municipal que o Goberno do PP dote á parroquia de Carreira dun Pavillón Polideportivo Cuberto

Tamén demanda que se habiliten lugares de esparexemento para as persoas maiores, así como a instalación dun parque biosaudábel

Reclama, así mesmo, que se elabore e leve a cabo un programa anual de dinamización da parroquia

A parroquia de Carreira, con preto dos 2500 habitantes, non conta con locais municipais de esparexemento e lecer para cativos e maiores. A veciñanza, asociacións, xuventude e maiores non dispoñen de lugares onde reunirse.

Os nenos e nenas de Carreira, en concreto os do CEIP de Pe do Corniño, non teñen no propio centro un espazo onde facer educación física. Xa fai moito tempo que son trasladados dende o colexio ao campo de fútbol da parroquia, que se atopa en condicións lamentables, para poder desenvolver esta actividade física sen ter un lugar onde resgardarse en caso de mal tempo.

Este mesmo alumnado, así coma o da escola da Capela, cando chega unha celebración, como pasou agora polo Nadal, son trasladados fora da parroquia para celebrar as súas festas, condicionados sempre a que esoutros locais non estean ocupados. A isto hai que engadir o agravante de que moitos dos seus achegados non acoden a velos por ter que desprazarse. E evidente que non en todas as parroquias os avós e os netos están en igualdade de condicións.

Xa fai moitos anos que por parte deste Concello non se realiza ningún tipo de actividade de verán, nin en períodos de vacacións escolares que eviten que os nosos nenos e nenas se teñan que desprazar fora. Un dos xeitos de dinamizar un pobo e manter ou incrementar as actividades que nel se realizan, e non ao contrario como esta a facer este Goberno Municipal.

Carreira é unha parroquia cun progresivo aumento de xente maior, persoas que non contan cun lugar de acubillo onde poder pasar as tardes de inverno. Estes veciños e veciñas non teñen zonas nin activades de espallamento, axeitadas á súa idade.
A parroquia de Carreira ten a posibilidade de pór a disposición do Concello terreo para a construción dun Pavillón cuberto onde poidan levarse a cabo todas estas actividades que se mencionaron. Hai que ter en conta que a meirande parte das parroquias de Ribeira contan con este equipamento.

O BNG entende que a actual política municipal non é a axeitada para dinamizar unha parroquia que esta a perder servizos a pasos axigantados. Quizais o Goberno Municipal se debera por a reflexionar e pensar que e o que falla para que este lugar non se dea recuperado do andazo que leva o lombo fai xa mais de 15 anos.

2 Comments on “Solicitamos un Pavillón Polideportivo para Carreira”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *