Cheiros en Ribeira: O Goberno do PP engana á cidadanía

Os recentes, e reiterados, episodios de cheiros no centro de Ribeira veñen poñer de manifesto que o actual goberno do PP de Ribeira se descobre como absolutamente incapaz de dar solución a este gravísimo problema. Pero é que, ademais, os acontecementos demostran que está a enganar á cidadanía.

O BNG presentara en outubro de 2007 unha proposta, perfectamente asumible, para a realización dun estudo sobre o problema dos cheiros en Ribeira: o PP rexeitouna. Cando en Maio de 2008 se volven repetir os problemas, o Grupo de Goberno “anuncia” en prensa o encargo “a unha empresa especializada” dun estudo sobre os cheiros en Ribeira. Xa o BNG criticara daquela unha actuación que nos parecía fume e que así foi como nos demostran os acontecementos máis recentes.

Os últimos cheiros que se producen en Ribeira, cas mesmas características que os precedentes, volven provocar a cada vez máis intensa protesta da cidadanía que, cada vez máis escéptica perante este desgoberno, escoita do seu goberno que “vai encargar un estudo sobre a orixe dos cheiros e a súa solución a unha empresa especializada”.

Esta resposta do goberno do PP parécenos un insulto á intelixencia da cidadanía. Por que non se aceptou a proposta inicial do BNG? Porque non se cumpriu o compromiso de realizar o primeiro estudo anunciado? Por que despois de tantos anos de cheiros en Ribeira estamos exactamente na mesma situación? Que intereses defende o Goberno do PP de Ribeira? Os dos seus cidadáns e cidadás non, obviamente.

3 Comments on “Cheiros en Ribeira: O Goberno do PP engana á cidadanía”

  1. Os cheiros, que xa veñen de antigo, teñen que procer, polo menos a maioría deles, dos verquidos que se producen nas factorías onde se procesa e manipula materia orgánica, de Xarás.
    Está moi ben protexer ás industrias locais, pero nunca a costa de estes despropósitos que lesionan os dereitos dos cidadans.
    O BNG tería de facer pola súa conta un seguimento da procedencia destes verquidos, e si o governo municipal non da explicacións convincentes, facer denuncia civil a Medio Ambiente, Semprona ou outros, máis no e ben de quedar no discurso de que se desgoverna. Saúdos

  2. Ben Pascual, compartimos contigo a prioridade da defensa do interese público e da lei á que debe adaptarse a actividade empresarial. A inspección e control dos verquidos á rede pública de sumidoiros é competencia dos concellos.

    Na iniciativa de outubro de 2007 sí se aprobara (por unanimidade) un punto no que o concello se comprometía a “levar a cabo as determinación precisas para localizar a orixe exacta dos cheiros ocasionados na zona de Xarás, Outeiro (Artes) e arredores así como na zona de Couso e Graña (Aguiño) e propoñerá aos causantes as medidas correctoras pertinentes para a supresión ou minimización das molestias ocasionadas nos seus contornos.”

    No pasado Pleno demostrouse que o Goberno Municiapal non cumpriu este compromiso. Ainda que todos podemos supoñer a onde apunta a orixe dos cheiros, hai que demostralo (previo á posible sanción) cun seguimento que, como é doado entender, excede á capacidade de quén non está no goberno. Por poñer un exemplo, nós non podemos acceder á rede de sumidoiros, nin ao caño dunha empresa, nin esixir á empresa causante as correccións precisas nin, no seu caso, propoñer a sanción: todo esto é competencia do Concello e do Goberno Municipal.

    En canto ás denuncias, xa hai moitas pero tampouco é ese o camiño, polo que se ve. De todos xeitos estudaremos outras vías, pero calquera delas pasa, ineludiblemente, pola denuncia pública e a mobilización da cidadanía.

  3. Ben, o tema dos cheiros en Ribeira a gasoil, como que a gasoil??????,a merda!!, pura e dura merda!!, e un tema tabú, pois o responsabel deles, Frinsa, da traballo a case que mil persoas e o seu xefe e fillo de Riveira.
    A merda baixa polas tuberias, sube hasta onde pode axudado polo mar que entra nas tubeiras e cando a marea baixa queda depositada na parte alta dos conductos despedindo ese cheiro nauseabundo. Nin mais nin menos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *