Vivenda protexida: unha necesidade en Ribeira

A necesidade de vivenda protexida de calidade en Ribeira é algo que ninguén pon en dúbida. O incremento do seu prezo nos últimos anos fixo que moita xente, especialmente mozos e mozas, tiveran mesmo que irse a outros concellos a mercar a súa vivenda porque o prezo da mesma en Ribeira estaba, e aínda o está a pesar de crise do sector da construción, por enriba das súas posibilidades.

O proxecto de Plan sectorial de solo de Galiza con destino a vivendas protexidas tiña previsto unha actuación en Ribeira que ascendía a 12,6 millóns de €, dos que 8,5 millóns de euros se destinarían á adquisición do solo e a indemnizacións e 3,6 á urbanización. O emprazamento de Coroso, proposto polo alcalde “por consideralo o máis idóneo”, tal como nos informou en Xunta de Voceiras/os de 7 de agosto de 2008, foi rexeitado polos propietarios e propietarias do solo. A Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, comprometeuse comigo a que non levaría a cabo ningunha actuación sen o consentimento dos seus propietarios. Polo tanto, queda descartada a reserva de solo de Coroso de 100.862 m2 na que se pretendían construír 402 vivendas, das que 328 son protexidas.

Chegados a este punto, se concordamos que é importante que en Ribeira se constrúa vivenda protexida de calidade, descartado o emprazamento de Coroso, parécenos que o Goberno Municipal ten a obriga de buscar alternativas de solo, mesmo con aportación de chan municipal se fose necesario e, en todo caso, consensuando cos propietarios e propietarias unhas condicións atractivas. Isto permitiría que non se perda no noso Concello un importante investimento para a dotación de vivenda a prezo taxado, coa conseguinte xeración de emprego e revitalización da economía local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *