Lei de Vivenda: unha solución á afectación de Costas

Dominga Brión, Ana Pontón, Manuel Casal e Xan León

O BNG compareceu onte en rolda de prensa para resaltar que a Lei de Vivenda de Galiza abre unha nova porta para dar unha solución definitiva á cidadanía afectada pola aplicación da Lei de Costas en todo o país entre os que están os veciños e veciñas dos Areeiros e Palmeira Norte, en Ribeira e Escarabote e Cabo de Cruz, en Boiro

A voceira municipal de Ribeira, Dominga Brión, a deputada Ana Pontón, o Responsábel comarcal do BNG, Manuel Casal, e o concelleiro de urbanismo do goberno de Boiro, Xan León, informaron aos medios de comunicación que a Lei de vivenda de Galiza foi promovida pola Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, e aprobada por unanimidade no Parlamento Galego o pasado 19 de decembro. Na mesma inclúese a disposición adicional segunda que modifica a Lei de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia de 2002 co que a Xunta poderá desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de urbanismo, equiparando os núcleos rurais tradicionais cos núcleos urbanos.

Aínda que dende o BNG apoiamos todas as iniciativas veciñais destinadas a dar unha solución definitiva á problemática que ten ocasionado a aplicación da Lei de Costas de 1988, sempre defendemos a vía política para solucionar este problema. Coa aprobación desta lei ábrese esa vía, que por primeira vez se pon en marcha dende o goberno galego, por medio dunha norma con rango de lei.

Deste xeito toda a veciñanza afectada terán unha nova oportunidade de reabrir o proceso para que a Xunta declare a súa existencia como núcleo consolidado antes da aprobación da Lei de Costas, no 1988, co que a liña de servidume reducirase dos cen aos vinte metros.

En todo caso, temos que insistir en que esta modificación ten por obxectivo solucionar o problema das persoas afectados para poder realizar obras nas súas vivendas unifamiliares mantendo esa tipoloxía de edificación e, en ningún caso, abrirá a porta á construción masiva no litoral.

Por último, temos que criticar a postura do Partido Popular que segue apostando pola modificación da lei de costas en lugar de pola aplicación efectiva das competencias autonómicas en materia de urbanismo. Do mesmo, xeito denunciamos unha vez máis a política de urbanismo salvaxe, especulativo e escuro do PP de Ribeira, da que temos sobrados exemplos por todo o Concello.

Lei de Vivenda de Galiza:
lei-de-vivenda-de-galiza.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
A lei de vivenda abre unha nova vía para os núcleos rurais afectados por Costas

Nova na Voz:
O BNG di que a Lei de Vivenda abre a porta á salvación dos Areeiros, Cabo e Escarabote

One Comment on “Lei de Vivenda: unha solución á afectación de Costas”

  1. No entiendo muy bien el alcance o las posibilidades de esta ley. Lo que si entiendo, porque me pilla cerca, es que la vía recomendada por el concello no lleva a ninguna parte: el contencioso solo sirve para gastar tiempo y dinero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *