Condenamos o ataque israelí contra Gaza, en Palestina

Concentración pola Paz en Palestina Concentración pola Paz en Palestina Concentración pola Paz en Palestina

O BNG de Ribeira participou na concentración celebrada hoxe na Praza do Concello para reclamar Paz en Palestina

Ademais, por medio dunha iniciativa municipal, condena o ataque israelí contra a franxa de Gaza, en Palestina. Ao mesmo tempo quer manifestar a súa solidariedade co pobo de Palestina, facer un chamamento a que se deteña inmediatamente a agresión contra Gaza, instando ao Estado español e comunidade internacional a condenar os ataques e impoñendo ao Estado de Israel condenas diplomáticas e comerciais.

Nos últimos días o exército de Israel ten bombardeado e invadida a franxa de Gaza, en Palestina, provocando centos de vítimas, maioritariamente nenos, nenas e mulleres, sen contar os centos de feridos e feridas de carácter grave.

Este ataque é un crime de guerra que aparece como colofón de máis dun ano de bloqueo do Estado de Israel contra o pobo de Gaza, que xa provocara unha grave crise humanitaria, e as súas vítimas súmanse aos máis de 5.000 palestinos mortos desde setembro do ano 2000, en que empezou a rebelión contra o Estado israelí na coñecida como Segunda Intifada, e onde tamén morreron máis de 900 nenos e nenas.

Consecuentemente, o BNG en solidariedade co pobo de Palestina, quere solicitar a aprobación por parte do Pleno da Corporación dos seguintes acordos:

1. Rexeitar os bombardeos e invasión levados a cabo polo exército de Israel, que evidencian o colofón da blocaxe perpetrada polo Estado israelí contra o pobo de Gaza, en Palestina, constituíndo un crime de guerra.

2. Transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.

3. Remitir cadanseu escrito de condena ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel, coa petición de que o Estado español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel até que non se poña fin á agresión militar, invasión e blocaxe que está a perpetrar na franxa de Gaza, en Palestina.

4. Solicitar, así mesmo, que o Estado español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada do Estado de Israel dos territorios ocupados; ao tempo que se demanda, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.

Iniciativa Municipal:
condena-ataque-israeli-a-gaza.pdf

Iniciativa Parlamentar:
2008-12-30-proposicion-non-de-lei-condenando-o-ataque-israeli-a-gaza.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
A comarca do Barbanza mobilízase para esixir a paz en Gaza

Nova na Voz:
O BNG ribeirense presenta unha iniciativa plenaria de apoio ao pobo palestino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *