Solicitamos a instalación de colectores de baterías

Domi e Anxeles

O BNG ven de solicitar que por parte do Goberno do PP se proceda, o máis axiña posíbel, á instalación de colectores de baterías e pilas usadas en diversos puntos do municipio, tendo en conta que estamos nunha época de alto consumo destes materiais.

Tamén reclama que se poñan en marcha campañas informativas que difundan os lugares onde se atopan os devanditos colectores, así como campañas de educación e sensibilización sobre os danos que estes materiais poden ocasionar na saúde das persoas e no medio ambiente.

As chamadas tres “R” (reducir, reutilizar e reciclar) son as claves para ir progresando en políticas de residuos cara á sustentabilidade. Afortunadamente estas mensaxes van calando na sociedade aínda que moi lentamente. Todas as campañas que se fagan son poucas polo que hai que seguir achegando esta necesidade da reciclaxe a toda a cidadanía, e ao mesmo tempo hai que esixir ás distintas administracións un maior esforzo para que a recollida selectiva de residuos sexa cada vez maior.

Neste Concello non existen colectores (ou non se coñece a súa existencia) para a recollida de residuos tan contaminantes como son as pilas ou baterías usadas, cuxos compoñentes son nocivos tanto para o medio ambiente como para a saúde. Non cabe dúbida de que as pilas son residuos habituais de alto poder contaminante polos metais que se usan na súa composición. As pilas comúns conteñen, entre outras sustancias tóxicas e daniñas para a saúde, dióxido de manganeso, mercurio, níquel, cadmio e compostos de litio, que poden provocar doenzas nos nosos órganos vitais e en moitos dos casos lesións canceríxenas.

As pilas e baterías non deben mesturarse co lixo biolóxico. Se as mesmas chegan aos vertedoiros, ao queimar o lixo os compoñentes tóxicos que teñen incorpóranse ao solo e ao ciclo da auga a través da choiva ou do aire e, deste xeito, introdúcense na cadea alimentaria natural da que nos nutrimos.

Con todo, a maioría da xente non sabe onde depositar as pilas ou baterías, polo que consideramos necesario, prioritario e urxente que o Concello leve a cabo campañas informativas, educativas e de concienciación que impliquen a colaboración de toda a cidadanía.

Iniciativa municipal:
2008-12-17_recollida_pilas_usadas.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *