Solicitamos que se manteña a Caixa de Carreira

Concentración en Carreira

O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha iniciativa solicitándolle ao Goberno Municipal que faga as xestións oportunas perante Caixa Galicia, para que non se peche a oficina que a Entidade ten en Carreira, co obxectivo de evitarlle ao veciños e veciñas da parroquia o perxuizo que lle suporía verse privados deste servizo e do fin social que cumpre esta oficina.

O BNG solidarizase deste xeito coa veciñanza de Carreira e arredores que xa ten amosado o seu rexeitamento ante esta decisión mediante un escrito ao Director da Entidade, acompañado dun número importante de sinaturas, e dunha multitudinaria concentración celebrada no día de hoxe diante da oficina.

Ante o inminente peche da oficina da Caixa Galicia de Campos-Carreira comunicado polo director adxunto de Deseño e Desenvolvemento de negocio, mediante correo ordinario aos usuarios desta oficina, os veciños e veciñas amosaron a desconformidade e malestar cunha decisión que se toma sen telos en conta.

Carreira e unha parroquia con preto de 2500 habitantes, conta coa devandita oficina dende o ano 1984, no seu día foi unha das parroquias mais dinamizadas do Concello de Ribeira e naqueles intres a veciñanza depositou a súa confianza na entidade para gardar os seus aforros: era daquela cando moitos veciños e veciñas que tiñan as contas bancarias noutras entidades se decidían a cambiar para a Caixa Galicia que se instalaba en Carreira, e non se facía por comodidade simplemente, senón coa boa vontade de facer medrar a entidade; se eles ían prestar ese servizo á parroquia, a parroquia agradecíao depositando nesa entidade os seus aforros. Así pasaron os anos e as xentes do lugar afixéronse a ter a Caixa a carón, a desprazarse a mesma a pe e a confiar plenamente nas persoas que alí estaban a traballar.

No escrito que esta entidade remite aos usuarios, falan dun plan de mellora na súa rede, unha mellora que para a veciñanza e un xarro de auga quente. Non se pode entender que prive dun servizo a unhas xentes que no seu día os fixeron medrar e afianzarse.

Agora mesmo, Carreira conta cunha poboación envellecida, onde aos maiores lles resultaría de grande incomodidade ter que desprazarse para facer as xestións que habitualmente fan nesta oficina; asemade, aos negocios dos arredores tamén lle supón un gravísimo trastorno, pois ante calquera xestión de urxencia a realizar, terían que contar sempre co transporte publico ou privado para desprazarse, o que repercutiría moi negativamente nos seus intereses. A Función Social que teñen as Caixas debería contemplar estas inquedanzas, e non permitirlles actuar de xeito que priven a toda unha poboación dun servizo e que dunha vez para sempre deixen de primar os simples intereses económicos.

Iniciativa Municipal:
2008-12-05peche-caixa-galicia-carreira.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *