Autovía da Barbanza: apertura, sí; inauguración, aínda non

O BNG comarcal da Barbanza non asistirá aos actos inaugurais de apertura da Autovía do Barbanza, aínda que está de acordo coa súa apertura ao tráfico

As moitas deficiencias non solventadas a día de hoxe: a ponte estreita de Ventín, accesos impracticábeis sen repoñer, pistas e camiños inutilizados, inundacións de fincas, derrubes de terras por insuficiencia dos muros de contención, falta de barreiras sonoras, cativa implantación da dobre bionda, entre outras, son motivo abondo para adiar a foto oficial á espera de que a empresa cumpra e acometa o que tamén se comprometeu o responsábel da Dirección Xeral de Obras Públicas de Xunta en sede parlamentar. Consideramos se faltaría ao respecto aos veciños e veciñas afectados desde Ribeira a Dodro participar destes actos protocolarios cando non se cumpriu aínda o comprometido con eles.

Estamos de acordo que se abra ao tráfico esta infraestrutura básica para o desenvolvemento desta bisbarra, unha medida que beneficiará aos moitos vehículos e persoas que circulan por ela e que aliviará a presión dos sufridores veciños da antiga comarcal que padeceron o tránsito mentres se pechou polas obras acometidas. Desde o BNG temos insistido con múltiples iniciativas ao longo todos estes anos para que se materializase este agardado desdobramento dunha vía responsabilidade do Partido Popular que a convertiu en sinónimo de morte e causa de moreas de accidentes polo seu trazado sinuoso e deficiente. Pero as múltiples afectacións veciñais que presenta ao longo de todo o seu trazado a día de hoxe entendemos non xustifica facerse foto ningunha pois resta moito por acometer e traballar para entender rematada a obra por parte da concesionaria.

Por estes motivos o BNG comarcal non participará dos actos inaugurais e seguirá a insistir a carón dos veciños afectados perante a concesionaria e a Consellaría de Política Territorial, Obras Publicas e Transportes a solución a todos os seus problemas. Só entón será para o BNG do Barbanza o momento de felicitarnos todos e todas polo traballo realizado dunha infraestrutura que beneficiará o desenvolvemento xeral e mellorará as potencialidades da comarca. Mentres isto non acontece que circulen os vehículos para alivio da antiga comarcal, mais sen fastos a deshora o luns. A foto oficial e o viño galego poden agardar a que se cumpra o prometido no Parlamento de Galiza e que veciños e veciñas desta bisbarra vexan solventados os problemas que as obras causaron nas súas propiedades.

Máis información:
Respaldo unánime da Corporación á dobre bionda
Solicitamos arranxos na Autovía da Barbanza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *