Propostas para o Fondo de Investimento Local

O BNG solicita que se convoque un pleno extraordinario para o debate e aprobación das obras que o noso concello debe propoñer para a súa inclusión no denominado Fondo Estatal de Investimento Local destinado a financiar investimentos en proxectos e obras municipais de nova planificación e de execución inmediata.

Incluír dentro da proposta para o denominado Fondo Estatal de Investimento Local as seguintes obras:

- Nova circunvalación para o casco urbano de Ribeira

- Mercado Municipal

- Actuacións integrais en Fondevila, Cruxeiras e no Pombal

- Melloras do tendido eléctrico e dotación de repetidores para a TDT

- Actuacións de mellora no saneamento público

- Construción de polideportivos en Carreira, Palmeira e Castiñeiras

- Actuación integral en Antromatos e Barrosas

- Construción dun campo de fútbol en Artes e arranxo do de Carreira

- Apertura da pista que une Carreira con Vixan e o Vilar

- Completar o saneamento e a dotación de auga en Olveira e Oleiros

- Casa de Cultura en Oleiros e Corrubedo

- Acondicionar varias rúas en Listres, Aguiño

- Dotar a Casa da Cultura de Aguiño de biblioteca e equipos informáticos

- Acondicionar o entorno do Auditorio de Aguiño para espazo de ocio de nenos/as e maiores

Por mor da crise, o goberno do Estado vén de aprobar un fondo adscrito ao Ministerio de Administracións Públicas (MAP) de 8.000 millóns de euros, que se vai repartir proporcionalmente entre todos os concellos do Estado en función da súa poboación. Non ten en conta, por tanto, criterios de dispersión e avellentamento, nin sequera, tendo en conta o obxectivo anunciado do plan, a taxa de desemprego por concello. En concreto a Ribeira correspóndenlle 4,8 millóns de euros.

Segundo o decreto, as obras financiábeis van desde a adecuación, rehabilitación ou mellora de espazos públicos urbanos, á promoción industrial, equipamentos e infraestruturas de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento; a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora de edificios e equipamentos sociais, culturais e deportivos, até a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora da rede de abastecemento de auga potábel e tratamento de augas residuais. Serán en todo caso, obras que non estivesen xa incluídas no orzamento municipal de 2009 e de execución inmediata.

O BNG considera que debe ser o pleno da Corporación municipal quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos, desenvolver obras e actuacións para apoiar os nosos sectores económicos básicos e estender e ampliar a rede de servizos sociais, como mellor arma de cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

Iniciativa Municipal:
2008-12-12-fondo-investimento-local.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *