Solicitamos en Madrid que a fábrica de Castiñeiras pase a patrimonio público

O BNG PRESENTA NO CONGRESO UNHA INICIATIVA PARA QUE COSTAS EXPROPIE OS TERREOS DE CONSERVAS CASTIÑEIRAS

Francisco Jorquera solicita que os terreos pasen a propiedade pública “para evitar a especulación urbanística e garantir o seu uso e desfrute por toda a viciñanza”

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na Cámara Baixa pola que insta á Demarcación de Costas a que expropie os terreos de Conservas Castiñeiras para que pasen a titularidade pública, “evitando así que se poida especular con estes terreos, e garantindo o seu uso e desfrute para toda a viciñanza de Ribeira”.

Francisco Jorquera denuncia “o estado de total abandono” no que se atopa o edificio da fábrica, sen actividade dende hai tempo e no que non existe ningunha media de vixilancia.

“Como consecuencia deste estado de abandono prodúcense importantes molestias para os veciños e veciñas de Castiñeiras: os materiais que se desprenden os días de vento son potencialmente perigosos e poderían causar danos ás persoas e aos vehículos que transitan pola estrada AC-7207 e nas vivendas colindantes”, advirte o deputado do BNG.

Ademais, o parlamentario nacionalista subliña que o lugar que ocupa esta fábrica na praia de O Castro “é unha parcela de 13.600 metros cadrados enormemente atractiva para calquera operación de especulación urbanística, máxime cando o terreo está cualificado como zona urbana non consolidada”.

Neste sentido, Francisco Jorquera lembra que o BNG de Ribeira presentou o pasado 24 de abril unha moción pola que se instaba ao Concello de Ribeira a “realizar as xestións necesarias para que o lugar no que sitúa a fábrica pase a patrimonio público”.

O proxecto presentado polo BNG local é o de construír unha área de lecer público, que incluiría, entre outras dotacións sociais e de esparcemento, un polideportivo ou a construción dun museo relacionado coa industria pesqueira.

Costas pode expropiar os terreos a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral

Para facer realidade esta iniciativa e garantir o uso público destes terreos, o deputado do BNG insta ao Ministerio de Medio Ambiente, a través da Demarcación de Costas de Galicia, a que “expropie, de forma urxente, os terreos de Conservas Castiñeiras, algo que é posible a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral Español”.

Por último, e entre outras cuestións, Francisco Jorquera tamén lle solicita ao Goberno que informe das actuacións que realizou o concello de Ribeira ante a Dirección Xeral de Costas en relación cos terreos de Conservas Castiñeiras.

Iniciativa parlamentar:
2008-11-13-conservas-castineiras.pdf

Vista aérea do entorno de Conservas Castiñeiras:
vista-aerea-fabricacastineiras.pdf

2 Comments on “Solicitamos en Madrid que a fábrica de Castiñeiras pase a patrimonio público”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *