Solicitamos a dotación de marquesiñas en Carreira

O BNG ven de solicitar novamente a dotación de marquesiñas nos lugares da Capela e Pé do Corniño o antes posible e que se proceda ao arranxo do resto das marquesiñas distribuídas pola parroquia

Tamén demanda que se realice a sinalización viaria pertinente para incrementar a seguranza nas rúas

Son xa repetidas as ocasións en que o grupo municipal do BNG demanda ao Grupo de Goberno deste concello a colocación de marquesiñas en diversas parroquias e, entre elas, tamén na de Carreira.

Así pois, consideramos urxente e necesaria a colocación ou arranxo de diversas marquesiñas na parroquia de Carreira. Son moitos os rapaces e rapazas que a diario agardan nestes puntos o bus escolar á intemperie, e non so falamos de alumnado de secundaria que van ao Instituto, senón que estamos a falar de nenos e nenas de tres anos que van á escola infantil da Capela, de alumnado de primaria que vai ao colexio do Pe do Corniño, e incluso de persoas maiores que agardan nestes puntos o autobús para desprazarse.

No Pé do Corniño, onde se atopa a escola de primaria, ademais da colocación dunha marquesiña, sería interesante ter algún tipo de sinalización viaria, ben vertical ou horizontal que indique que se debe de reducir a velocidade xa que hai nenos e nenas nas proximidades; tamén debería haber un paso de peóns para que os rapaces e rapazas atravesen a rúa con máis seguranza. Na escola da Capela hai nenos de tres anos que moitas veces agardan o bus sen ter onde resgardarse das inclemencias meteorolóxicas. En ámbolos dous casos hai espazo público onde poden colocarse as devanditas marquesiñas.

Ao longo de toda a parroquia as instalacións deste tipo que están colocadas necesitan de reparacións; algunhas atópanse sen a cuberta, outras sen os laterais e non contan con bancos onde agardar sentados.

Xa iniciado o novo curso escolar, o Grupo de Goberno do Concello de Ribeira debería optar por atender ás demandas da veciñanza, sobre todo cando estamos a falar de nenos e nenas e persoas maiores. Trátase de prioridades, de demandas urxentes que teñen un fácil arranxo e non supoñen un grande esforzo económico para as arcas do municipio.

Iniciativa municipal:
2008-09-01colocacion_marquesinas.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *