O PP é incapaz de recoñecer os seus erros

Mentres o BNG non dubida en promover diante do goberno de Ribeira, da Xunta ou do Estado calquera iniciativa que signifique unha mellora na calidade de vida da cidadanía de Ribeira ou mesmo respaldar calquera proposta na mesma liña, proceda de onde proceda, o Goberno do PP de Ribeira é incapaz de recoñecer os seus erros, primeiro paso para poder corrixilos, e só apoian aquelas iniciativas que van dirixidas á Xunta ou ao Estado cando eles non forman parte deses gobernos.

Alegando que “xa están niso” ou que contan “co respaldo dos servizos técnicos”, votan en contra de calquera proposta do BNG e mesmo lles molesta que poñamos enriba da mesa as demandas da cidadanía, sobre todo se poñen en evidencia a súa xestión. Así quedou patente unha vez máis no Pleno Ordinario do pasado 24 de Novembro, no que o PP votou en contra de todas as nosas iniciativas, agás da moción pola que solicitábamos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a dobre bionda na Autovía da Barbanza.

Estiveron a tempo de rectificar resolvendo favorabelmente o Recurso de Reposición contra a permuta de Fontán, no Touro. Pero non quixeron; seguen na súa teima de dilapidar o patrimonio público para beneficiar a uns poucos en perxuízo de todos e todas. Lembremos que nesta permuta o Goberno do PP cambia 3.000 m2 de edificabilidade para ampliar 41 m2 unha praza.

Tamén rexeitaron a nosa iniciativa pola que reclamamos a protección e recuperación do Peirao Fenicio e na que instamos ao goberno do PP a reparar o deterioro ocasionado polas obras ilegais que o propio Concello fixo ao seu carón, negándose ademais a apoiar a proposta que lle fixemos de xestionar diante dos organismos competentes todas as axudas que estimen oportunas para recuperar este ben de interese cultural.

Na mesma liña, foron incapaces de recoñecer as deficiencias existentes no alumeado público, a pesar de que a intervención do BNG e mesmo as imaxes aportadas durante o debate da iniciativa presentada interesádonos pola situación do alumeado público non deixaron lugar a dúbidas. Se non se recoñecen as eivas dificilmente se poden adoptar as medidas necesarias para arranxar con urxencia todas as deficiencias existentes no alumeado público, co cal, o risco de accidentes, do que xa temos padecido dolorosísimas experiencias en Ribeira, é unha evidencia.

Ao longo das 4 horas que durou o Pleno o PP deu mostras do moito que lle molesta que dende o BNG poñamos en primeiro plano da actualidade política as demandas da cidadanía, como é o caso da moción presentada polo BNG reclamando o arranxo da Praza dos Muiños, que non chegou a debaterse por falta de tempo, pero que dende o BNG puxemos enriba da mesa durante o debate doutros puntos da orde do día, algo que irritou enormemente ao alcalde.

Sen embargo, este goberno do PP non dubida en reclamarlle, sen ningún rubor, a outras administracións ou entidades o que eles mesmos son incapaces de facer como goberno municipal en Ribeira. Nesta liña, o BNG apuntou a situación que padecemos en moitas rúas de Ribeira co seu nome absolutamente ilexíbel, aproveitando o debate dunha moción do PP na que se pedía que na autoestrada AP-9, na saída de Padrón, se incluíse un indicativo de Ribeira. O PP demostra así unha e outra vez que só ve a palla no ollo alleo e é incapaz de ver a “viga” no propio.

One Comment on “O PP é incapaz de recoñecer os seus erros”

  1. Desde logo non fai falta estar na oposición para ver que o contido deste tema é de todo correcto, é mais, ata creo que “eles” sábeno; co ben que poderiamos estar os cidadáns de Ribeira se oubese un pouco de consenso por parte de quen nos goberna…ou que só escoitasen un pouco do que oen.. pois parece que só fan iso : Oir; Oen dicir que os cidadáns de Ribeira perdemos 3.000 M2, pero que gañamos 41 na operación; Oen dicir que Ribeira escasea en calidade de alumeado público, en prazas para recreo de nenos e maiores, en deficiencias de servizo público, en protección de Patrimonio, en calidade de redes de saneamentos, en cantidade de zonas verdes, en locais para ensaios musicais, en garderías para os nosos nenos, en centros de día para os nosos maiores, en matadoiros para os nosos labregos…etc..etc..etc..
    Pero que tanta Prepotencia se masca alá arriba….
    Digo eu que como sempre contan iso de “xa estamos niso”.. algo positivo ten que ter , pois todo isto xera moitos postos de traballo, se non que alguén me explique cantos Técnicos fan falta para “estudar” todo o que “Oen”.
    Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *