Impulso ao aforro enerxético no alumeado do Nadal

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle solicita ao Goberno do PP que teña en conta criterios de aforro enerxético á hora da contratación e instalación do alumeado de Nadal coa contratación de sistemas que utilicen tecnoloxías eficientes e de baixo consumo

Directivas europeas e as súas aplicacións normativas estatais e autonómicas veñen demandando a implantación progresiva de medidas de promoción do aforro enerxético nos diferentes servizos públicos. O alumeado público supón non só un importante gasto para as arcas municipais senón tamén unha importante contribución á contaminación atmosférica.

No tempo de Nadal é habitual que o Concello contrate a instalación de alumeado ornamental. É pois unha boa ocasión para que se proceda, á hora da contratación, a seleccionar modelos de alumeado que apliquen tecnoloxías eficientes que supoñan un importante aforro enerxético. O Concello contribuiría tamén, con esta medida, a difundir na poboación o exemplo de que o aforro enerxético é cousa de todos e todas.

Existen no mercado modelos que aplican lámpadas con tecnoloxía LED que, sen menoscabo da calidade estética, supoñen un importante aforro no gasto enerxético e no impacto ambiental conseguinte.

Un hipotético maior custo de aluguer podería perfectamente ser compensado cunha máis racional distribución do tempo de uso e conexión. Isto permitiría tamén incrementar os puntos de ornamentación a máis lugares no rural que estes anos viron anuladas iluminacións que si tiñan anteriormente.

Iniciativa Municipal:
2008-11-25-aforro_enerxetico_nadal.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *