Interesámonos pola situación do alumeado público

O BNG ten presentada unha moción pola que solicita que se arranxen urxentemente todas as deficiencias existentes no alumeado público para evitar o risco de accidentes

Na iniciativa municipal tamén se demanda que o Goberno do PP encargue un estudo da situación do alumeado público en todo o Concello e que informe do mesmo á Corporación Municipal

Nos últimos días puidemos comprobar o estado de lamentable abandono no que se atopan as instalacións do alumeado público en diferentes lugares do noso Concello. Non hai máis que dar unha volta pola Avda. de Ferrol, Avda. da Coruña ou a Rúa de Galicia, entre outras, onde hai varias farolas que non teñen as tapas de rexistro das conexións, e están os cables ao alcance de calquera neno/a, podendo provocar un grave accidente. Tamén comprobamos que en Xarás, Sancortes, e no lugar de Sampedro en Palmeira os cuadros eléctricos atópanse sen porta, podéndose acceder a eles con facilidade. Na entrada ó porto da Ameixida, a conexión da acometida é unha verdadeira chapuza, pois á vista están os cables enroscados nun poste de formigón moi deteriorado, podendo provocar en calquera momento unha descarga eléctrica.

O 20 de febreiro do 2007 faleceu un mozo por unha descarga eléctrica que recibiu ao apoiarse nunha farola do alumeado público. Entre outras cousas, o Grupo Municipal do BNG solicitou daquela que se adoptasen as medidas oportunas para que non volveran a suceder accidentes deste tipo.

Preocúpanos e parécenos gravísimo que desde o Goberno do PP non se tomara ningún tipo de medida, e que se lle permita á empresa que ten a concesión do alumeado público ter as instalacións en tan lamentable estado co risco que isto supón de accidente grave, ou mesmo de morte.

Iniciativa Municipal:
2008-10-16alumeado_publico.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *